# Axente e leñador, chega «Cazuña»

- Link: https://marcoscandiaimaxes.com/2024/10/08/axente-e-lenador-chega-cazuna/
- Published: 2024-10-08T20:00:00+02:00
- Author: Marcos Candia Cuba

Novo recordo a un mindoniense singular, como xa fixemos con [Chipo](https://marcoscandiaimaxes.com/2024/08/19/musico-fogueteiro-e-cule/)
ou [Merlín](http://marcoscandiaimaxes.com/2024/09/09/libreiro-e-sonador-o-mago-da-cidade/),
hoxe é a quenda de **Luis Villares “Cazuña”**. Sen intención de facer unha biografía
do mesmo, simplemente recordalo e deixar constancia dalgunha das súas andanzas e
costumes, namentres estivo entre nos, sempre con todo o cariño do mundo.

Todos os pobos enriquecen a súa pequena historia cunha colección de personaxes 
que se fan populares por algunha característica especial. A galería destas figuras
sinxelas é ampla e variada no caso da cidade episcopal. Os numerosos anos transcorridos
dende a desaparición dalgúns deles, fan difícil poñerlles nome e apelidos, pero 
os seus peculiares motes e gran cantidade de anécdotas quedan entre nos.

_Un deles foi Luis Villares Fernández “Cazuña”; ao que recordamos interno nos anos
sesenta no Hospital San Pablo e San Lázaro de Mondoñedo. Fillo de Luis e Soledad,
nado no 1.943 no lugar da Horta, parroquia de San Xoan de Agüera, no concello de
Becerreá._

**Luis chegaría ao hospital mindoniense polo ano 1964**, onde conseguiu ser unha
persoa moi popular. Cando se acercaba o bo tempo axudaba a algúns veciños nas tarefas
do campo, o que lle aportaba uns ingresos en metálico. Nesta estación do ano, acostumaba
deterse na taberna de Vicente Novo “_O Peseg_o”, sita na veira da estrada N634 no
lugar de Pedrido. Unha vez alí, Luis entretíñase xogando a baralla, chegando a colleitar
gran destreza no populoso xogo da “**_escoba_**”.

Era frecuenta atopalo partindo leña para algúns veciños do casco urbano, inda que
_cando chegou a popular bombona de butano, foi un motivo de fricción co expendedor
e repartidor da mesma, xa que a leña cada vez tiña menos clientes._

**Outro dos puntos habituais para Cazuña, era a confluencia das rúas Lodeiro Piñeiroa,
Marqués de Rodil e Julia Pardo, case enfronte do bar “Troita” e da confitería de“
Doña Pura”, dirixindo con mestría o tráfico rodado, portando os seus inseparables
pantalóns de cor branco, con grandes remendos nos xeonllos e calzando zocos de madeira**.
_Sendo alcalde da cidade D. Enrique Cabanela Álvarez, e ante as numerosas queixas
dos condutores, o rexedor ordenaría os axentes municipais que prohiban a Cazuña “
dirixir o tráfico”._ O noso protagonista, protestou enerxicamente aos axentes, e
exclamaba: “**Cabanela prohibiume dirixir o tráfico, quere que a xente se mate e
así ter máis traballo no sanatorio” “O Macizo” (Dodolino Fernández), tamén acaba
comigo, cada día vende máis bombonas e eu deixo de partir a leña!!!**”.

[[

Cazuña cos seus amigos no «Café Madrid». Foto Andrés

Volvemos ao verán, onde tamén o podíamos atopar cos seus zocos de madeira xogando
ao fútbol no campo da feira, en compañía de numerosos rapaces da poboación. Certos
lances do xogo excitábano enormemente e algunhas tibias foron testemuña do seu duro
calzado. Durante a competición da liga de fútbol, podíamos atopalo no “Café Madrid”
presenciando os partidos, que naquelas datas eran escasos e en branco e negro. Precisamente
a imaxe que acompaña estas liñas foi tomada neste bar e Luis atopábase sentado as
costas de Antonio Seivane e a esquerda de Feliciano Rico “Chipo”. Acompañan tamén
na imaxe Carlos “Do Guerra”, Enrique Teijeiro, Pepe “Da Forneira”, Pepín “Da Romeira”
e Pascual Ares (fillo).

_O noso mestre escritor, Cunqueiro, confeccionou a Luis unha copla na imprenta 
Sucesores de Mancebo de Mondoñedo, e gracias ao desprendemento de Fernando, podemos
colocar a continuación unha pequena estrofa da mesma, que di:_

    ```has-medium-font-size
    Este joven elegante,
    que le viene a saludar,
    es Luisito Villares,
    de Horta, Becerreá…
    ```

Transcorreron xa moitos anos, pero ainda se comentan entre os máis maiores de Mondoñedo,
numerosas anécdotas de Cazuña.
A mediados dos anos setenta, Luis foi destinado a
cidade de Lugo, sendo interno do Asilo, onde falecería prematuramente.**IN MEMORIAN,
LUIS VILLARES FERNÁNDEZ. CAZUÑA**

_Coa colaboración especial de Andrés García Doural_

### Compárteme:

 * [  Imprimir ](https://marcoscandiaimaxes.com/2024/10/08/axente-e-lenador-chega-cazuna/#print?share=print)
 * [  Correo electrónico ](https://marcoscandiaimaxes.com/2024/10/08/axente-e-lenador-chega-cazuna/?subject=%5BEntrada%20compartida%5D%20Axente%20e%20le%C3%B1ador%2C%20chega%20%22Cazu%C3%B1a%22&body=https%3A%2F%2Fmarcoscandiaimaxes.com%2F2024%2F10%2F08%2Faxente-e-lenador-chega-cazuna%2F&share=email)
 * [  WhatsApp ](https://marcoscandiaimaxes.com/2024/10/08/axente-e-lenador-chega-cazuna/?share=jetpack-whatsapp)
 * [  Telegram ](https://marcoscandiaimaxes.com/2024/10/08/axente-e-lenador-chega-cazuna/?share=telegram)
 * [  Threads ](https://marcoscandiaimaxes.com/2024/10/08/axente-e-lenador-chega-cazuna/?share=threads)
 * [Entrada](https://x.com/share)

### Me gusta esto:

Me gusta Cargando...
