# Un relevante artista

- Link: https://marcoscandiaimaxes.com/2026/02/04/un-relevante-artista/
- Published: 2026-02-04T20:00:22+01:00
- Author: Marcos Candia Cuba

Hoxe traemos ao recordo a **Pedro Salaverri de la Torre**, nado en 1899 na rúa Febrero
de Mondoñedo, e falecido na rúa Cándido Martínez da mesma cidade en 1961. _Fillo
de Pedro Salaverri Vila e de Pascuala de la Torre Lence_. Irmán de Joaquín, José
María, José Antonio, Carmen e Dolores. Dende este punto, facemos un breve recodatorio
deste destacado mindoniense, tallista de gran fama que traballaría para un afamado
taller da capital.

**Pedro**, por razóns de idade, pertencía o alistamento do ano 1920 e figuraba no
mesmo co número 104. Como se extrae de diversa documentación consultada no arquivo
municipal de Mondoñedo, naceu o 20 de maio de 1899. A hora de efectuarse o alistamento,
presentouse o seu irmán José María, manifestando que Pedro estaba a residir en Madrid
dende 1916. José María, para conseguir explicar a Pedro do servizo militar obrigatorio
por aquel entón, alegaría falta de talla.

Por esa motivación, Pedro sería tallado en Madrid polo Sarxento D. Leandro Gamero
Vicedo, destinado naquela data no Rexemento de Infantería Saboya, número 6 e dando
a talla de un metro e cincocentos corenta milímetros.

O Concello, vistos os datos indicados, e a documentación exposta no expediente do
mozo, acordaría declaralo “Excluído temporalmente”. Circunstancia pola cal quedaría
excluído do continxente, pero non de algúns servizos.

En outubro de 1923: “_Hallándose justificado que los individuos que se expresan 
en la siguiente relación, pertencientes a los reemplazos que se indican, están comprendidos
en el artículo 284 de la vigente ley de reclutamiento. S.M. el Rey (q.D.g) se ha
servido disponer que se devuelva a los interesados la cantidad que ingresaron para
reducir el tiempo de servicio en filas_”. Nesa relación figuraba o noso protagonista,
Pedro Salaverri.

[[

**Pedro ingresou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid.** Estaba
considerada a principal institución de ensinanza artística do país. **No 1930 participou
na Exposición Nacional de Belas Artes**, que se celebraría no Pazo de Cristal do
Retiro, cunha talla de madeira, exposta na sala XIII, sinalada co número 28, que
representaba a un San Sebastián. Según a prensa da época, dispoñía de “muy buena
traza y efecto”. Esta exposición foi un evento chave para o arte español da época,
con participación de destacados artistas, como tamén das principais mulleres.

[[

De conformidade coa proposta formulada polo Xurado de Relación da Actual Exposición
Nacional de Belas Artes, o Rei tería a ben dispoñer: 1º que se concedesen unhas 
Bolsas de Viaxe a algún alumnos premiados, onde na sección de Escultura figuraba
Pedro. 2º que cada Bolsa de Viaxe e Premios de Aprecio ascendese a cantidade de 
500 pesetas en metálico.

Neta data, Pedro Salaverri estaba domiciliado en Santa Engracia, número 41 e máis
tarde faríao no 128 da rúa San Bernardo de Madrid e era un veterano e avantaxado
alumno da Escola Superior de Pintura, Escultura e Gravado.

Nos meses de **maio-xuño do 1936, Pedro participaría novamente na Exposición Nacional
de Belas Artes**, que se levaría a cabo no Pazo de Exposicións do Retiro. Nesta 
ocasión participou coa obra sinalada co número 42 titulada “Leñador”.

**Pedro Salaverri, en plena xuventude e como bo alumno da Escola de Belas Artes,
comezou a traballar no afamado taller de arte sacro de D. Félix Granda y Buylla.**
D. Félix (1868-1954) era un coñecido sacerdote, destacado escultor, pintor e orfebre
de orixe asturiano, que fundou en 1891 o taller de arte litúrxico TALLERES DE ARTE,
que dirixiu ata o seu falecemento. O arcebispo de Madrid-Alcalá, D. José María Cos
y Macho foi quen aprobou a súa iniciativa. Curiosidades da vida! D. José María sería
bispo de Mondoñedo e durante o seu pontificado levantouse a segunda planta do edificio
do Seminario Santa Catalina.

O taller comezou a súa andadura na rúa Fernando el Santo de Madrid, pero ante a 
crecente demanda, incluso o número de artesáns que traballaban para el, mudaríase
a residencia do Hotel Las Rosas, nos altos do Hipódromo. Agrupaba numerosos artistas:
orfebres, fundidores, broncistas, cinceladores, tallistas, escultores, carpinteiros
ou pintores. Todos estaban unidos polo mesmo espírito de amor e de fidelidade a 
liturxia e arte sacro.

[[

**Na nosa cidade consérvanse unhas fermosas tallas de Pedro Salaverri. Unhas son
propiedade do seu sobriño Luís Joaquín Salaverri**, un fermoso busto de Pascuala
de la Torre Lence, aboa paterna; un espectacular altorrelieve; un fermoso Corazón
de Jesús e os catro Evanxelistas; un san Juan Bosco. **Outra atópase no antigo domicilio
do seu irmán José María**, na rúa Cándido Martínez, onde a columna que da comezo
ao pasamáns das súas escaleiras ten unha espectacular talla de madeira, é a figura
dun neno tocando un instrumento de vento.

Grazas a amabilidade de Luis, coñecemos a existencia dunha talla do Corazón de Xesús
no paraninfo da Universidade Pontificia de Comillas, da que foi Reitor o seu irmán
D. Joaquín. Nas estacións do Vía-Crucis do Monte de Santa Tecla (Pontevedra), dotadas
duns artísticos medallóns, participaría na súa elaboración. E na vivenda doutro 
familiar consérvase unha talla de San Sebastián. Posiblemente é a que tivo participado
na Exposición Nacional do ano 1930.

No transcorrer das festas patronais do San Froilán en Lugo, dende fai uns anos, 
o xornal “El Progreso” publica durante varios días unha sección na que a personaxe
central é o coñecido “Peludez”, creado por D. Antonio de Cora Sabater e continuado
polo redactor xefe, D. José Trapero Pardo; Pedro Salaverri tamén é autor da talla
duns preciosos Peludez, moi ben decorados e nun estado de conservación óptimo. Sería
no ano 1945, cando persoal da redacción deste xornal, nunha emotiva homenaxe de 
recordo e admiración ao que durante tantos anos foi o seu director, acordou ofrecer
a súa viúva. Dona Enriqueta Díaz-Requejo, unha estatua de Peludez, obra de Pedro
Salaverri, quen representaba de forma extraordinaria ao personaxe.

[[

_Pedro Salaverri de la Torre faleceu en Mondoñedo, solteiro, no domicilio do seu
irmán José María, o 19 de febreiro de 1961._

**O noso agradecemento a Luis Joaquín Salaverri, por facilitarnos a imaxe do seu
tío paterno, fotografías dalgunhas das súas obras e algúns datos familiares para
esta nota.**

Con estas breves liñas pretendemos recordar a figura de Pedro Salaverri, un importante
artista que merece formar parte da nosa historia. ¡Agardamos telo conseguido!

_Coa colaboración de Andrés García Doural_

### Compárteme:

 * [  Imprimir ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/02/04/un-relevante-artista/#print?share=print)
 * [  Correo electrónico ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/02/04/un-relevante-artista/?subject=%5BEntrada%20compartida%5D%20Un%20relevante%20artista&body=https%3A%2F%2Fmarcoscandiaimaxes.com%2F2026%2F02%2F04%2Fun-relevante-artista%2F&share=email)
 * [  WhatsApp ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/02/04/un-relevante-artista/?share=jetpack-whatsapp)
 * [  Telegram ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/02/04/un-relevante-artista/?share=telegram)
 * [  Threads ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/02/04/un-relevante-artista/?share=threads)
 * [Entrada](https://x.com/share)

### Me gusta esto:

Me gusta Cargando...
