# Edelmiro, o muiñeiro

- Link: https://marcoscandiaimaxes.com/2026/03/27/edelmiro-o-muineiro/
- Published: 2026-03-27T21:00:32+01:00
- Author: Marcos Candia Cuba

Hai apenas uns días soubemos do falecemento do último muiñeiro que quedaba en Mondoñedo.
Referímonos a unha persoa que exerceu con dignidade unha profesión hoxe pouco valorada
polo gran público, pero esencial na nosa historia: **Edelmiro Expósito García**.

[[

Imaxe xerada coa IA de Google

Fillo único de Manuel Expósito, natural da parroquia de San Pedro de Argomoso, e
de Esperanza García, do lugar de Paadín (na parroquia de Santiago de Mondoñedo),
Edelmiro medrou na vivenda número sete da rúa San Roque. Coma tantos mozos da súa
época, a necesidade levouno a emigrar durante un tempo a Barcelona, pero o seu destino
estaba ligado á terra.

Ao regresar a Mondoñedo, os seus pais adquiriron o coñecido como **muíño fariñeiro«
do Penasco»**, ao que Edelmiro se adicou en corpo e alma. Alí, entre o son da auga
e o cheiro á fariña, transcorreu gran parte da súa vida. Casou con Carmen, unha 
veciña do barrio de Valiño, coa que compartiu camiño ata que a viudez, os achaque
da idade e a inevitable soidade o levaron a ingresar na residencia San Rafael de
Mondoñedo.

**Edelmiro e Carmen foron sempre grandes devotos de San Roque**. Durante moitos 
anos, el cargou ao ombreiro coa imaxe do santo na procesión e, xa nos seus últimos
anos, portaba a cruz que abría o cortexo. Tal era o seu fervor que, cando a imaxe
do santo precisou dunha urxente restauración, o matrimonio non dubidou en achegar
unha importante cantidade de cartos para tal tarefa.

[[

Católico practicante, era habitual velo cada domingo na misa das doce na catedral
ou participando con recollemento na Semana Santa. Especialmente lembrado é o Domingo
de Ramos, cando o matrimonio, provisto dos seus ramos de loureiro, partía cara á
parroquial de Santiago para unirse á procesión cara ao interior da catedral, lucindo
Edelmiro para a ocasión as súas mellores galas.

**Pero se algo define o carácter entrañable de Edelmiro era a súa veciñanza**. Durante
anos, os veciños da rúa Álvaro Cunqueiro e do comezo de San Roque celebrabamos o
San Xoán cunha fogueira e unha comida compartida. Non faltaban os liscos nin a queimada,
e ninguén se preocupaba da tensión ou do colesterol. Para aquel evento, Carmen e
Edelmiro amasaban e cocían pan no forno da súa casa o día anterior. Aquelas bolas
de pan recén feito, de sabor inconfundible, eran o orgullo da mesa.

[[

Hoxe, esas fogueiras xa non se acenden porque a maioría daqueles veciños xa non 
están, pero os que tivemos a fortuna de compartilas gardámolas no corazón. Coa partida
de Edelmiro, a rúa síntese máis triste e outra vivenda queda baleira, acentuando
esa sensación de abandono que doe ver nos nosos lugares.

A nosa intención non é facer unha biografía académica, senón lembrar con cariño 
e estima ao noso entrañable veciño. **Vaise o muiñeiro, pero queda o seu recordo
na memoria de Mondoñedo.**

**IN MEMORIAN, EDELMIRO EXPÓSITO GARCIA**

_Coa colaboración de Andrés García Doural_

### Compárteme:

 * [  Imprimir ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/03/27/edelmiro-o-muineiro/#print?share=print)
 * [  Correo electrónico ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/03/27/edelmiro-o-muineiro/?subject=%5BEntrada%20compartida%5D%20Edelmiro%2C%20o%20mui%C3%B1eiro&body=https%3A%2F%2Fmarcoscandiaimaxes.com%2F2026%2F03%2F27%2Fedelmiro-o-muineiro%2F&share=email)
 * [  WhatsApp ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/03/27/edelmiro-o-muineiro/?share=jetpack-whatsapp)
 * [  Telegram ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/03/27/edelmiro-o-muineiro/?share=telegram)
 * [  Threads ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/03/27/edelmiro-o-muineiro/?share=threads)
 * [Entrada](https://x.com/share)

### Me gusta esto:

Me gusta Cargando...
