# Casa Cigarrán: o gran bazar da nosa memoria

- Link: https://marcoscandiaimaxes.com/2026/06/05/casa-cigarran-o-gran-bazar-da-nosa-memoria/
- Published: 2026-06-05T20:00:20+02:00
- Author: Marcos Candia Cuba

En maio de 1914, Mondoñedo asistía ao devalar de dous vellos inmobles na cabeceira
da Praza de Mondoñedo. Pascual Cigarrán Aguiar adquirira estas propiedades co firme
propósito de erguer no seu solar unha nova edificación, máis ampla, maxestosa e 
cunha estética que embelecese o corazón da nosa cidade.

Aquel ambicioso proxecto callou nunha impoñente construción de dúas áreas, 45 centiáreas
e 24 decímetros. Cunha combinación de cantería de granito na súa planta baixa, columnas
señoriais e cachotería lucida en cemento nos pisos superiores, todo coroado por 
un tellado de lousa e cálidos pisos de madeira, o edificio converteuse decontado
nun fito arquitectónico local.

Foi na planta baixa deste esplendido inmoble —sinalado orixinalmente co número 1
da rúa Progreso, hoxe número 2— onde en 1934 existía un dos comercios máis extraordinarios
e surtidos que lembra Mondoñedo: a icónica «Casa Cigarrán», propiedade do matrimonio
formado por Pascual Cigarrán Aguiar e Josefa Vila Pérez. Aínda que o fundador finara
en febreiro de 1918, a súa pegada e o seu apelido permaneceron indisolublemente 
ligados a un negocio que fixo historia.

[[

Entrar en Casa Cigarrán era somerxerse nun mundo de infinitas posibilidades. Alí,
os mindonienses e veciños de toda a comarca podían atopar de todo: dende **ferraxaría
e material de caza ata a camisaría máis elegante, bixutería, reloxaría, perfumaría,
óptica, cristalaría, pirotecnia, cadros, peletaría, delicados bordados e puntas,
roupa branca, artigos de guarnicionaría, xoguetes para os máis novos, sombreraría,
zapatería, paraugas, mobles e toda clase de obxectos de viaxe ou decoración. Un 
auténtico bazar de prodixios que concentraba nun só espazo todo o que unha sociedade
en movemento podía precisar.**

Porén, o fado deparou tempos difíciles para este proxecto empresarial, que acabou
sufrindo unha quebra tanto no comercio coma na banca que a familia administraba,
levando a poxa pública esta fermosa edificación. Co paso do tempo, os andares que
outrora acolleran o bulir de Casa Cigarrán pasaron a albergar as oficinas de Telégrafos
e a sucursal do Banco de La Coruña. Máis tarde, sería a quenda do Banco de Bilbao
e, dende hai xa uns anos, **este emblemático espazo acolle a oficina do Banco Bilbao
Vizcaya Argentaria (BBVA)**.

Aínda que hoxe a actividade bancaria ocupe o lugar, a memoria de Mondoñedo garda
con enorme agarimo o recordo daquela mítica Casa Cigarrán, testemuño dun tempo de
esplendor comercial e emprendemento que hoxe rescatamos a través desta fermosa estampa
de época.

Non podemos despedir este pequeno recordo de casa Cigarrán sen recordar a **Vicente
López Rico «Rincha el Moro»**, nado o 16 de outubro de 1867 no Foro, Maariz, e que
faleceu no hospital San Pablo no 1932. Nunha axitada tarde, «Rincha el Moro» da 
cabalo da súa montura ascende a costa da Praza da Catedral ata adentrarse no propio
comercio Casa Cigarrán **tentando saltar o mostrador enriba do seu cabalo, ao máis
puro estilo dun cowboy americano**. Cando a policía municipal ou algún veciño se
queixaba do excesivo consumo de bebidas alcohólicas, Vicente respostaba «**Todos
me saben d’o viño que bebo, pero non saben a sade que eu teño**«.

_Coa colaboración de Andrés García Doural_

### Compárteme:

 * [  Imprimir ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/06/05/casa-cigarran-o-gran-bazar-da-nosa-memoria/#print?share=print)
 * [  Correo electrónico ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/06/05/casa-cigarran-o-gran-bazar-da-nosa-memoria/?subject=%5BEntrada%20compartida%5D%20Casa%20Cigarr%C3%A1n%3A%20o%20gran%20bazar%20da%20nosa%20memoria&body=https%3A%2F%2Fmarcoscandiaimaxes.com%2F2026%2F06%2F05%2Fcasa-cigarran-o-gran-bazar-da-nosa-memoria%2F&share=email)
 * [  WhatsApp ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/06/05/casa-cigarran-o-gran-bazar-da-nosa-memoria/?share=jetpack-whatsapp)
 * [  Telegram ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/06/05/casa-cigarran-o-gran-bazar-da-nosa-memoria/?share=telegram)
 * [  Threads ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/06/05/casa-cigarran-o-gran-bazar-da-nosa-memoria/?share=threads)
 * [Entrada](https://x.com/share)

### Me gusta esto:

Me gusta Cargando...
