# O amigo boliviano de Cunqueiro

- Link: https://marcoscandiaimaxes.com/2026/06/22/o-amigo-boliviano-de-cunqueiro/
- Published: 2026-06-22T20:00:59+02:00
- Author: Marcos Candia Cuba

No ano **1949**, os irmáns Cunqueiro Mora —Carmen, Álvaro e José Hernán (Pepe)— 
mudáronse dende a súa casa natal na rúa Méndez Núñez (hoxe rúa Álvaro Cunqueiro)
á vivenda sinalada co número 11 do Cantón Grande de Mondoñedo. Este novo fogar foille
legado en herdanza a Carmen pola súa tía materna, Dª Pilar Moirón Agüeira.

Sería precisamente nesa ampla vivenda (na que hoxe atopamos a Taberna de Galiana)
do Cantón onde, a partir de 1952, comezaría a residir en compaña da familia un personaxe
singular e distinguido: D. Raúl Calvimontes Núñez del Prado.

O seu camiño ata Mondoñedo estivo marcado polos convulsos fados da política internacional.
Avogado de profesión, nado na cidade de Sucre (Bolivia) o 6 de xaneiro de 1920, **
Calvimontes posuía un expediente académico brillante.** Licenciado en Dereito, Ciencias
Sociais e Políticas, doutorouse na Universidade de Madrid despois de cursar estudos
nas universidades bolivianas de San Andrés e René Moreno, ampliando a súa formación
en centros de prestixio mundial como París, Oxford e a propia capital española. 
Na súa Bolivia natal, chegou a ocupar altos cargos públicos, entre eles o de Ministro
de Xustiza no goberno de Víctor Paz Estenssoro. Porén, un dos habituais golpes militares
daquelas latitudes e tempos obrigouno a tomar a amarga senda do exilio.

Establecido na nosa vila, a súa presenza non pasaba desapercibida. Posuía un elegante
coche de marca Morris que adoitaba estacionar nos coñecidos talleres Seijas, situados
na rúa General Franco (actual Alfonso VII). Curiosamente, a maioría das veces o 
vehículo non era conducido por el, senón por un experto condutor mindoniense do 
que se valía para os seus desprazamentos.

Os veciños máis maiores do barrio do Coto da Recadieira aínda lembran hoxe a estampa
de D. Raúl paseando polas inmediacións ou descansando pracidamente a carón da mítica“
Pena do Hunto”. Para moitos mindonienses, aquel home culto e educado era simplemente“
o Boliviano” ou “o amigo de Álvaro Cunqueiro”.

Durante os seus anos en Mondoñedo, o doutor Calvimontes non permaneceu illado; mantivo
unha activa vida intelectual, pronunciando conferencias en Lugo, Santiago de Compostela,
Vigo ou Madrid, e viaxando a grandes capitais coma Lisboa, París ou Roma.

[[

_**A magnífica fotografía captada polo obxectivo de “Foto Pernas” no ano 1954 inmortaliza
un deses intres de lecer e conversa. Nela, sentados xunto á emblemática ponte do
Pasatempo, recoñecemos con nitidez a Álvaro e a Pepe Cunqueiro compartindo confidencias
co propio Raúl Calvimontes.**_

**Despois de varios anos compartindo teito e tertulias coa familia Cunqueiro Mora,
D. Raúl decidiu partir de Mondoñedo con rumbo a outra capital europea**. Non obstante,
a pegada que deixou na nosa terra foi fonda. En 1965 volveu visitar España, convidado
polo Instituto de Cultura Hispánica, e durante anos mantivo unha afectuosa correspondencia
con D. Enrique Cal Pardo, o canónigo arquiveiro da catedral mindoniense e profesor
do Seminario de Santa Catalina.

¿Como chegou un ilustre doutor por Oxford e exministro boliviano a buscar acubillo
e paz na maxia de Mondoñedo? Quizais os detalles exactos do misterio nunca os saibamos,
pero a súa historia queda para sempre tecida na crónica dourada da nosa vila.

_Coa colaboración de Andrés García Doural_

### Compárteme:

 * [  Imprimir ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/06/22/o-amigo-boliviano-de-cunqueiro/#print?share=print)
 * [  Correo electrónico ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/06/22/o-amigo-boliviano-de-cunqueiro/?subject=%5BEntrada%20compartida%5D%20O%20amigo%20boliviano%20de%20Cunqueiro&body=https%3A%2F%2Fmarcoscandiaimaxes.com%2F2026%2F06%2F22%2Fo-amigo-boliviano-de-cunqueiro%2F&share=email)
 * [  WhatsApp ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/06/22/o-amigo-boliviano-de-cunqueiro/?share=jetpack-whatsapp)
 * [  Telegram ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/06/22/o-amigo-boliviano-de-cunqueiro/?share=telegram)
 * [  Threads ](https://marcoscandiaimaxes.com/2026/06/22/o-amigo-boliviano-de-cunqueiro/?share=threads)
 * [Entrada](https://x.com/share)

### Me gusta esto:

Me gusta Cargando...
