MANUELA REY VOLVE A MONDOÑEDO

Sábado 20 de abril de 2024, Manuela Rey volveu a Mondoñedo da man de Nuria Anello, alumna do Grao en Mestre/a de Educación Primaria na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

(Podes ver as imaxes en grande facendo click nelas (preferible en PC))

Manuela visitou os Remedios, a Alameda, o Quiosco da Música, a Casa de Álvaro Cunqueiro, o Barrio dos Muíños, o Cemiterio Vello, o Seminario de Santa Catalina…

Máis tarde, xa coa presenza de Andrés García Doural, descendente desta ilustre mindoniense, Manuela puido voltar a que foi a súa casa na Pradela e que a viu nacer no ano 1842. Dende alí, dirixímonos ao lugar do Pedroso para visitar a casa para a que se trasladou a familia cando ela tiña 3 anos. Nesta vivenda residiría ata os 8 anos; cando, alá polo ano 1850, coincidindo coas feiras das San Lucas, partiría coa Compañía Itinerante de Teatro e comezaría a súa excepcional carreira como actriz.

Recorremos o mesmo camiño que ela tivo que transitar durante a mudanza. Saímos de Pradela e, durante o percorrido, fomos testigos da beleza do Rego da Valiña, lugar onde antigamente collían auga para o consumo, tiñan os lavadoiros e abeberaban o gando; a Trasaira; O Cucharego; a Fraga da Valiña; Os Cabaneiros, onde se conservan as ruinas do Muíño dos Cabaneiros (en territorio de Abadín); Suarribas; o Porto do Carro; Porcriado; e O Foro, lugar onde Manuel (irmán de Manuela) colocou unha cruz en memoria do seu pai, que sufriu un fatídico accidente neste lugar os 67 anos. Neste mesmo cruceiro, ao paso dos enterros desta zona, facíase unha parada na que se deixaba repousar o cadaleito sobre unha caixa de madeira mentres o cura rezaba un responso e os levadores recuperaban os folgos; para logo retomar camiño cara a Capela de San Vicente. Finalmente, chegamos ao lugar do Pedroso.

As recreacións de Manuela foron deseñadas polo alumnado da USC, nos Graos en Mestre/a de Educación infantil e Mestre/a de Educación Primaria. Entre todos os alumnos e alumnas deseñáronse máis de 80 colaxes, das que se seleccionaron as 18 que hoxe estiveron en Mondoñedo; e que xa viaxaron tamén por Portugal e por diferentes lugares de Santiago de Compostela (como a Praza das Praterías, a Casa do Cabido e o Teatro Principal).

Todo isto foi posible grazas á iniciativa do Vicerreitorado de Cultura da USC e do Centro Dramático Galego, que promoveron unha colaboración con profesorado de diferentes facultades da USC para afondar na vida e o contexto da actriz galego-protuguesa e darlle visibilidade a este personaxe a través de diferentes actividades enmarcadas dentro do programa ‘Faíscas Culturais’.

Pola súa banda, o CDG Salón Teatro, está a levar aos teatros a obra «Manuela Rey is in da house»; na que se lle rende homenaxe a esta importante muller, falecida a idade de 23 anos.

IN MEMORIAM.
MANUELA REY, Mondoñedo 1842 – Lisboa 1866.
Actriz e autora Galego-Portuguesa.

© Nuria_Anello (Alumna da USC, confección e redacción do traballo)

© Andrés_García_Doural (descendente de Manuela, bibliógrafo)

© Marcos_Candia_Cuba (Imaxe e RRSS)


Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo