Eran, aproximadamente, as nove da maña do 22 de setembro do ano 1922, cando unha arrepiante nova estremecía a veciñanza mindoniense. Dúas mulleres, veciñas do lugar coñecido como “Fontico”, no más alto do barrio de Valiño, parroquia de Nosa Señora dos Remedios de Mondoñedo, chamadas Filomena Barreiros Rodríguez, de 50 anos de idade, casada con Juan Sánchez Parga, e a súa sobriña, Consuelo Barreiros Prieto, de 20 anos, máis coñecidas na xerga local como “As Cordeiras”, habían perecido, electrocutadas por un dos cables do tendido eléctrico que dende a central do Tronceda se encamiñaba a Vilalba, e que estaba tirado no chan.
Filomena deixaba, do seu matrimonio, dous fillos menores de idade, chamados María Rosa e Serxio Patricio. A súa sobriña Consuelo, deixaba un fillo natural de corta idade, Carlos.
Incansables e modestas traballadoras, viñan conducindo un carro cargado de estrume dende o alto do monte cara a súa facenda, tirado por unha parella de vacas, resultando electrocutadas ao pisar un cable do tendido eléctrico que se atopara tirado no camiño. O mesmo ocorría a unha das vacas que tiraban de dito carro, que para maior desgracia era prestada polo seu veciño Celestino Fernández Bouso “O Chalán”. O lugar onde ocorreu este fatídico accidente é coñecido entre a veciñanza como “Fontecega”, e atópase moi próximo ao canal da “Hidroeléctrica do Tronceda”.
Consuelo resultou morta de forma instantánea, pero Filomena empuñaba na súa man dereita unha navalla aberta, que se supón sacou do peto coa finalidade, seguramente, de cortar a corda que suxeitaba o xugo das vacas, sufrindo nese intre a mortal descarga, a cal ademais prendeu lume na súa roupa.
De xeito inmediato, formouse unha comisión de veciños nos barrios de San Lázaro e Valiño para colleitar axuda económica para os orfos (era costume cando acaecía unha desgraza) entre a veciñanza. Esta comisión estivo formada por Xosé Díaz López, Manuel González González, Xosé Novo Fernández e Ramón Lorenzo González.
En maio de 1923, a sociedade “Mondoñedo e a súa Comarca”, constituída na Habana, depositou na Caixa Central de Aforros e Préstamos, un donativo de 571 pesetas para os orfos de Valiño por medio de D. Xosé Ramón Vilamarín Pallín. Tamén a sociedade “Mondoñedo e Distritos” de Bos Aires, por medio do seu delegado en Mondoñedo D. Xosé Polo Folgueira, doou a cantidade de 50 pesos arxentinos e a recadación dunha rifa que se celebrou o 17 de marzo do citado ano 1923.
No mes de febreiro de 1924 a empresa “Hidroeléctrica do Tronceda”, entregou ao párroco dos Remedios un donativo de 1000 pesetas co fin de que o fixera chegar a mans da súa freguesa Dona Concepción Prieto, que se fixera cargo dos nenos orfos.

No lugar do suceso levantouse, en recordo das vítimas, un monólito de cantería, culminado cunha cruz de ferro e cunha placa de mármore branco colocada na súa parte frontal na que se podía ler a seguinte inscrición: “Filomena y Consuelo Barreiros, fallecieron electrocutadas el 22 de septiembre de 1922. Reza cristiano por su alma y en su pensamiento fija los peligros de la vida”. A construción do citado monólito foi encargada ao canteiro de Valiño, Celestino Fernández Bouso, máis coñecido na poboación como “O Chalán” e indicou na inscrición da placa de mármore ao mestre de San Lázaro, D. Xosé Ramón Piñeiro.
Fai uns anos, nas proximidades do monólito, comezou a depositarse gran cantidade de madeira cortada dos montes máis próximos. Un día, o monólito, a placa de mármore e a cruz de ferro, apareceron rotos en varios anacos e ciscados pola ladeira do monte. Fai poucas datas, nunha aproximación ao lugar, puidemos decatarnos, levando unha desagradable sorpresa, que incluso os restos desapareceron; posiblemente falamos de algo desaparecido, xa que logo tamén esquecido, para sempre; o comportamento pouco cívico dalgún condutor dos camións de madeira e a permisividade das autoridades deu como fin isto.
Preguntamos a “Lalo do Chalán” que naceu e viviu no lugar de Valiño, pola vivenda onde residiu esta modesta familia, e a súa resposta foi que “so quedan uns fragmentos das paredes”. Fai poucas datas, desprazámonos ao lugar de “O Fontico” en Valiño, coa intención de captar en imaxes o que quedaba da vivenda das “Cordeiras” para este recordatorio, levándonos a desagradable sorpresa, de que a vivenda está case desaparecida, manténdose en pé un fragmento da fachada principal e outro dunha das súas paredes laterais.

A nosa intención é recordar un triste suceso que conmoveu a comarca, pero ao mesmo tempo, pedir a quen atinxa, que non se permita que estes actos queden impunes. Repoñer o monólito, a placa e a cruz debía ser de obrigado cumprimento.
In memorian “As Cordeiras” no 100 aniversario da inauguración do monólito en recordo do seu falecemento.
© Andrés Garcia Doural // © Marcos Candia Cuba

Comenta a imaxe!