Recordamos outra persoaxe da historia do noso querido Mondoñedo. Como sempre de xeito garimoso, un veciño que deixou unha fermosa pegada na poboación mindoniense.
Jesús Reigosa Coladas, nado en 1936 no veciño concello de Trabada. Dende o seu nacemento, Jesús chegou ao mundo cun importante defecto físico nas súas extremidades inferiores, que dende sempre o obrigou a moverse cun vehículo de tres rodas, accionado por pequenos piñóns e manivelas, que a súa vez facían de pedales. En agosto do 1944 a Diputación Provincial de Lugo acorda o seu ingreso na Casa Municipal de Beneficiencia da capital. Xa no 1964, temos constancia do ingreso de Jesús no Centro Benéfico San Pablo e San Lázaro de Mondoñedo.
Home dotado de gran fortaleza física nos seus brazos para mover o vehículo antes citado, polas empinadas rúas da nosa cidade. Home curtido! Inda que fora un día de frío invernal, era frecuente velo pasar vestindo unha camisa ou camiseta de manga curta.
Durante varios anos foi o encargado da sección de clavado de caixas de madeira, no desaparecido serradoiro de Victoriano González Redondo, que estaba situado nas inmediacións da gasolineira e que naqueles anos tiña unha alta demanda destas caixas para o transporte de pescado, froita ou queixos, e era unha boa forma de obter uns bons ingresos algúns mozos mindonienses.
Os domingos a tardiña, era habitual atopar a Reigosa co seu vehículo adentrarse pola báscula da histórica Aglomerados Ecar, e deténdose para ver o bo funcionamento da peladora, secadoiros, prensas, recortadora, lixadoras e sección de melaminado. ¡Pasaba revista a todos os que lles tocaba traballar en día festivo!
No momento de construirse as vivendas que coñecemos de xeito popular como «Malvinas», en referencia a guerra no archipiélago das Malvinas, que cadrou no tempo coa construcción destes edificios; a Reigosa concedéronlle unha delas. Momento en que abandona as dependencias do Hospital San Pablo e San Lázaro. En cerca ocasión, tocoulle a quenda de ser presidente da comunidade de veciños», e durante as asambleas da mesma, era unha persoa que se acaloraba con frecuencia, froito do seu posto de presidente. Tivo un enérxico mandato e como algún dos seus veciños non estaba de acordo coas súas decisións de presidencia, comezaron a alcumalo «Toro Sentado».

Nos últimos anos da súa vida, Reigosa, adicou un local do seu domicilio a reparación de calzado e paraugas. Foi un dos primeiros veciños de Mondoñedo en mercar un coche a motor sen dispor de permiso de conducir. Grazas a estimable axuda dunhas veciñas, Reigosa fixo unha vida normal e estivo ben atendido ata os últimos días da súa vida.
IN MEMORIAN, JESÚS REIGOSA COLADAS, REIGOSA.
Coa colaboración de Andrés García Doural

Comenta a imaxe!