Recordando a Lázaro

Hoxe, na sección personaxes, adicamos un pequeno e garimoso recordo ao noso veciño Lázaro. Zapateiro de profesión e durante uns anos, membro do Orfeón da Sociedade de Obreiros Católicos de Mondoñedo.

Os numerosos anos transcorridos dende a súa desaparición diluiron parte da información da nosa personaxe; pero non a boa cantidade de anécdotas. Grazas a comentarios das persoas maiores de Mondoñedo, podemos reunir datos e ao mesmo tempo, aportannos indicios para buscar información persoal nos diferentes arquivos existentes en Mondoñedo. Non é tarefa fácil, pero si ilusionante. Con este puñado de información reunida, comezamos o noso recordo a Lázaro.

Lázaro Blanco García (Lugo 1934, Burela 1987), chegou sendo un neno, como interno as dependencias do Hospital de San Pablo e San Lázaro de Mondoñedo. Pero en 1942 era trasladado a Casa Municipal de Beneficiencia de Lugo. Xa no 1954 figura nunha ampla lista publicada pola Xunta de Clasificación e Revista da Caixa de Reclutas, número 65 de Lugo, como comprendido no reemplazo de 1954. Nesa data ainda permanecía na casa Maternidade da capital.

Xa en xuño do 1964, regresa a Mondoñedo, novamente interno ao Hospital San Pablo e San Lázaro.

Home de pequena estatura, cunha pronunciada calvicie, elegantemente vestido, que adoitaba a usar unhas larguísimas patillas, así como unha muleta de madeira para desplazarse ao atoparse inválido dunha perna.

Lázaro traballou durante moitos anos como zapateiro no taller que rexentaba José Antonio Villalba Fernández «O Sacristán» dos Remedios, nos baixos dunha vivenda da actual Avenida de San Lucas. Ao xubilarse por razón de idade «O Sacristán», Lázaro pasa a rexentar o taller de reparación de calzado.

Nese local, de considerables dimensións para albergar un taller de reparación de calzado, era usado tamén como lugar de tertulia entre veciños e bons amigos seus, onde se falaba a diario de fútbol e incluso se chegaba a discutir! As paredes da zapatería estaban totalmente empapeladas con posters, fotos, recortes de prensa relacionados con este deporte tan arraigado en Mondoñedo. Tampouco faltaban calendarios de raparigas de moi bo ver.

Imaxe dos anos sesenta, no campo da feira e ao costado do comercio de Manuel Cabanela. Nela recoñecemos a Carlos Rodríguez Estrada (conductor), Blas (compañeiro de residencia), Albino «o carteiro», ao «Rosio» de San Lázaro e por suposto a Lázaro. Foto Andrés

Lázaro era bo amigo das farras, cantaba con frecuencia nos bares, soltabas unhas gargalladas que contaxiaban xeralmente aos seus acompañantes e se chegaban a escoitar na rúa. Compoñente durante uns cantos anos do Orfeón da Sociedade de Obreiros Católicos de Mondoñedo, dirixido con mestría por D. Eugenio García Amor. As súas chamativas e contaxiosas gargalladas chegaron a ocasionarlle algún trastorno, como certo día no que estaba presenciando unha película na sala de cine existente en Vilanova de Lourenzá, sendo expulsado do recinto polo acomodador. Sonados foron os seus amoríos cunha veciña de Argomoso.

Lázaro, pese a súa invalidez, era un experto nadador. Sonado é telo visto en moitas ocasións nadar con gran soltura na piscina fluvial do río Tronceda, no Coto da Recadieira, e incluso bucear.

Durante certo tempo abandonou as depedencias do Hospital San Pablo e San Lázaro de Mondoñedo, onde residía dende facía máis de trinta anos, e hospedouse na fonda de Rosendo Cabanela «Manxarín», sita na rúa Marqués de Rodil. Lázaro padecía dende facía tempo un severo trastorno de saúde, as frecuentes subidas de tensión. A consecuencia dunha destas subidas, faleceu no Hospital de Burela o 14 de febreiro de 1987. Os seus veciños e íntimos amigos, Lucita e Lisardo Castro, correron coa organización do seu enterro.

IN MEMORIAN, LÁZARO BLANCO GARCÍA. LÁZARO

Coa colaboración de Andrés García Doural


Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo