Seguimos colleitando liñas a persoaxes ben recordados no noso querido Mondoñedo, e hoxe chega o turno dun que de seguro é ben recoñecido, Alejandro Rodríguez Soto. Nado o 22 de xaneiro do 1924 na nosa cidade. Fillo de José María Rodríguez Insua e de Presentación Soto. Seu pai, José María, era un afamado alfareiro do barrio dos Muiños, donde faleceu o 7 de febreiro de 1936. Era membro da Sociedad de Obreiros Católicos. Deste xeito quedaba viuva unha nai, cargada de fillos de corta idade. Dende a sua infancia, Alejandro aprendeu o oficio de alfareiro e axudou canto puido na súa casa.
A mediados dos anos corenta, Alejandro, ao igual que outros moitos xoves mindonienses, practicou o fútbol, xogando como expeditivo defensa en varios conxuntos da nosa localidade.

Na imaxe anterior a esta liña podemos recoñecer a: Justo Ares, Pepe Seco, Álvaro Lage, Pepín, Antonio (gardamallas), Justo Lage, Patrulla, Araujo, Alejandro Palacios, Elviro Lorenzo, José María, Vendaval e José Luis.
Sería no ano 1951, na igrexa parroquial do Carmen, cando contraería matrimonio con Carmen García Paz. Deste xeito pasaría a residir no barrio do Pasatempo e tería dous fillos, Alejandro e Guadalupe.
Xa máis avanzados os 50, o noso protagonista «Patrulla», formou parte da orquestra «Melodías del Jazz», onde tocaba o contrabaixo. No 1964 comeza a súa andaina na «Royalty Melodías«, onde seguiría co mesmo instrumento.

Durante moito tempo, foi o suministrador de foguetes para diversas e concurridas festas da contorna. Primeiro gardaba o material pirotécnico nunha casa do lugar do Cabuxo; e xa o final, era nunha edificación do vello muiño fariñento, sito na parte inferior do Santuario de Nosa Señora do Carmen.
Tamén sería empregado de Aglomerados ECAR, nos anos sesenta, onde levaría a cabo unha intensa labor sindical, como presidente do Comité de Empresa. «Patrulla» xubilariase por razón de idade a comezos do ano 1989. Resaltar tamén que no 1979 formou parte dunha candidatura electoral.
Nos últimos anos da década dos 80 e comezos dos 90, «Patrulla» chegou a ser monitor de varios cursos subvencionados polo INEM sobre alfarería, cursos que impartiría no seu taller da Faxina, incluso chegou a dar charlas en varios centros educativos e outros visitaban as súas instalacións.
IN MEMORIAN, ALEJANDRO RODRÍGUEZ SOTO. PATRULLA
Coa colaboración de Andrés García Doural

Comenta a imaxe!