D. Andrés Generoso Guillermo Gonzalo Bahamonde Insua. Así era o nome deste home nado en Mondoñedo o 10 de xaneiro de 1906, tal día como hoxe. Fillo lexítimo de Agapio Bahamonde Cabanas e de Remedios Insua Fraga.
O 14 de outubro de 1927, na facultade de Menciña e Cirurxía da Universidade de Santiago de Compostela, sección de practicantes, D. Vicente Goyanes Cedrón, Catedrático e Secretario, certificaba que D. Andrés Bahamonde Insua, de 21 anos, solteiro, veciño da rúa Santo Domingo de Mondoñedo (Lugo), a expedición do correspondente título de practicante. O 17 do mesmo mes e ano, D. Andrés, solicitou ante a Corporación mindoniense ocupar a praza de practicante municipal de Mondoñedo, que facía un tempo estaba deserta.
O practicante Bahamonde, durante o tempo que permaneceu en funcionamento o Hospital de Sangue creado en Mondoñedo, en dependencias do Seminario e Hospital San Pablo, con motivo da Guerra Civil (1936-39), prestou numerosos e sempre moi valorados servizos, entre os feridos e enfermos do centro sanitario.

D. Andrés casou con Elena Vidarte Rivas e fixou a súa residencia na rúa José Antonio de Mondoñedo. No primeiro piso do domicilio, instalaría a súa consulta. ¡A cantas nais axudou D. Andrés! A cantas persoas facilitou remedio para os seus males! Persoa moi estimada e querida en Mondoñedo. Moitos mindonienses recordan aquela curiosa moto que posuía e usaba con frecuencia para atender os seus pacientes máis afastados.
Cando o doutor e cirurxián mindoniense, D. Enrique Cabanela Álvarez, creou a comezos dos anos cincuenta o Sanatorio Nosa Señora dos Remedios de Mondoñedo, D. Andrés tamén prestou estimables servizos nas numerosas intervencións cirúrxicas e atencións que se realizaron no novo centro sanitario.
D. Andrés falecería en Mondoñedo, o 26 de xuño de 1974. O seu único fillo, tamén de nome Andrés, exerceu de forma destacada a menciña en Valencia; lugar onde reside actualmente.
Durante a súa traxectoria profesional, o noso practicante, reuniu méritos máis que suficientes para que a Corporación mindoniense decidise dar o seu nome a un anaco da antiga rúa José Antonio de Mondoñedo (actual Progreso), na que estaban situados o seu domicilio e consulta. ¡Ben merecido o tiña!
IN MEMORIAN, ANDRÉS GENEROSO GUILLERMO GONZALO BAHAMONDE INSUA.
Coa colaboración de Andrés García Doural

Comenta a imaxe!