Como xa sabedes, nesta web o principal valor son as imaxes, moitas do día a día de Mondoñedo, outras moitas colaboracións de Andrés con notas do pasado. E outras con colaboracións doutros amigos, como Salaverri, Nuria… con outras miradas.
Pois hoxe, coa axuda de Andrés, vamos facer un repaso pola fotografía na nosa cidade, recordando así a o estudo fotográfico «Foto Celta» e as mulleres pioneiras que levaron a cabo este oficio en Mondoñedo.
A primeira muller que se adicou ao mundo da fotografía en Mondoñedo foi Antonia Santos García (1831/1908), nacida no Coto de Otero e con seu estudo de fotografía na rúa Angustias (actual Alfonso VII). Continuou a tradición Filomena Díaz Villada, tamén nada no Coto de Otero. Logo a finais dos anos cincuenta do siglo pasado o matrimonio formado por Dona Rosa Moledo e Don Andrés Carro rexentaban un estudo fotográfico coñecido como «Foto Celta». Estudo localizado na segunda altura dunha edificación sinalada co número cinco da rúa José Antonio (actual Progreso) de Mondoñedo. Tamén dispoñían dun pequeno e cómodo local comercial, co seu escaparate, na planta baixa da vivenda sinalada co número once da rúa Marqués de Rodil (actual Guevara).
O traballo de revelado, realización de fotos tamaño carnet ou de estudo, facíao Andrés nunha ampla sala da vivenda sinalada anteriormente. O que hoxe se coñece como «traballo de campo» era obra de Rosa. Desta forma era frecuente vela vestindo unha bata branca, coa súa relucinte cámara de fotos ao hombreiro, as súas grosas gafas escuras e o seu cabelo recollido en forma de «moño» polas empedradas rúas de Mondoñedo, festas do Conde Santo, San Lourenzo, San Bartolo, carnavais, San Cosme de Galgao, feira de Gontán, e un longo etcétera. Durante o verán aumentaba considerablemente a tarefa ao medrar a poboación na comarca, e celebrarse a meirande parte de festas e romarías, e a evidente aglomeración de xente nas fantásticas praias da Mariña.
Cando o matrimonio se foi facendo maior, deixou de facer esas labores e durante varios anos, proseguiu coa tarefa o seu fillo Andrés Carro Moledo, ata que unha grave enfermidade acabou coa súa vida.
Dona Rosa era unha persoa moi apreciada, que gozaba de gran prestixo e simpatía entre os veciños de Mondoñedo e arredores. Transcorreron moitos anos dende que deixou de verse polas nosas rúas, e da súa desaparición, pero continúa sendo unha persoa moi recordada.
Coa colaboración de Andrés García Doural



Comenta a imaxe!