Moitas cousas quedan no esquecemento por non ter coñecemento delas e outras veces por non ter suficiente información. Certo día, tivemos noticia dunha aventura moi interesante levada a cabo por unha persoa natural de San Pedro de Argomoso, pero residente, dende facía bastantes anos, na República de Arxentina.
A persoaxe en cuestión non é outra que D. José Ramón Veiga Blanco. Nado as once horas do 30 de abril de 1906 no barrio de Pardiñas, parroquia de San Pedro de Argomoso de Mondoñedo. Fillo de José Veiga Polo, natural de dita parroquia e de Ramona Blanco López, de Santo Tomé de Lourenzá, matrimonio do cal nacerían tamén Mercedes, Alejo e Elena.
José Ramón con doce anos ingresa no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, en donde cursaría durante varios anos estudos eclesiásticos. Foron compañeiros del, entre outros: Ángel Chao, Ángel Castañal, Carlos Polo, Tato, Mazón ou José Lombardero. No ano 1926 atópase en Bos Aires, traballando de dependente nun almacén e fiambrería da capital Arxentina. Era tanta a súa vocación relixiosa que grazas a axuda económica de D. José R. Fierro, consegue rematar os seus estudos e ordease sacerdote no Seminario Pontificio de Buenos Aires o 17 de decembro de 1932 e celebra a súa primeira misa na igrexa parroquial de Villa Ballester o 18 do mesmo mes. D. José Ramón estaba en posesión da Cruz ao Merito e das medallas de Honra dos anos 1929, 1930 e 1931.

Con posterioridade sería destinado a parroquia da Sagrada Familia en Villa Nueva, departamento de Guymallén, provincia de Mendoza. Durante a súa estadia no continente americano realizaría varias viaxes a España. Na primeira delas agasallaría cunha medalla de prata a cada un dos cabezas de familia do seu barrio natal. Noutra das súas viaxes logra convencer a seus pais para que o acompañen ao outro lado do Atlántico; máis adiante tamén viaxarían a súa irma Mercedes e a súa sobriña Elena. A última viaxe a Mondoñedo sería na primaveira do 1976, aproveitando para vender as propiedades das que dispuña por herencia na rúa Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo e na parroquia de San Pedro de Argomoso.
No ano 1954 unha expedición mariana intenta o ascenso a cima do Aconcagua, a segunda cima máis alta do mundo, con 6970 msnm, en homenaxe a Santísima Virxe María. O xefe da expedición será o sacerdote mindoniense, acompañado por o reverendo pai Antonio Fantini. Un dos fins da expedición era levar ao cumio a imaxe de Nosa Señora de Fátima, ante a cal se oficiaría unha misa.
Os expedicionarios emprenden a marcha cara Puente del Inca, logo establecen o campamento base en Plaza de Mulas, continuando en dirección suroeste cara o Nido de Cóndores e noroeste cara o refuxio Eva Perón, e cara os puntos Plantamura, Domingo Perón e finalmente a cima. O 28 de febreiro de 1954 celebrouse acto de culto público no campamento base de Plaza de Mulas, sito a 4200 m de altitude e posteriormente levaríase a cabo na cima do Aconcagua. Esta ascensión contou co apoio do ministro do exército, general Franklin Lucero e da Agrupación de Montaña Cuyo.

A dureza do clima e a enorme montaña non foron quen de dobregar a vontade dos intrépidos compoñentes da expedición. Así mesmo o seu espírito aventureiro impulsaría o noso protagonista, a realizar unha viaxe de estudos aos países do Medio Oriente durante o ponfitificado do Papa Pablo VI.
Outra das súas facetas era a de escribir, chegando a publicar diversas obras na República Arxentina: Homilías Familiares (1ª edición 1959 – 2ª edición 1963), Caminos de Dios (1965), Fulgores del Amanecer (1970), Lucero del Alba y Tiempos Nuevos (1973). A maior parte das súas publicacións atópanse esgotadas dende fai anos, pero consérvanse algúns exemplares na excelente biblioteca do Seminario Santa Catalina de Mondoñedo.
A súa vida rematou de forma tráxica o 3 de setembro de 1976. Un sacerdote, aventureiro e escritor nado en Mondoñedo, que para moitos permanece esquecido.
«Soy como el ave que vuela
y recorre el horizonte,
soy paloma mensajera
para mirar siempre al norte…»
«a mi espíritu encana,
más que la luz, el foco;
más que la miel, la abeja;
más que la flor, la planta».
IN MEMORIAN D. JOSÉ RAMÓN VEIGA BLANCO. 1906 – 1976
Coa colaboración de Andrés García Doural

Comenta a imaxe!