Recordamos hoxe a Emilio Julian Vicente Tapia Rivas, nado na rúa da Fonte Vella de Mondoñedo o 7 de agosto de 1862. Bautizado con bautismo de necesidade polo facultativo D. Francisco Lamas García.
Fillo lexítimo de D. José María Tapia Rodríguez, administrador principal de loterías, oriundo de San Andrés de Masma e de Dona María Rivas Vázquez, natural e veciña de Mondoñedo. Era neto paterno de José Tapia e de Josefa Rodríguez, nados en Masma, e neto materno de Ramón Rivas de Mondoñedo, e Josefa Vázquez de Masma. Sería o seu padriño, que o tería en brazos durante a cerimonia, D. Vicente Rivas Vázquez, tío do noso protagonista e Escribano de guerra da Capitanía Xeral da illa de Santo Domingo.
Emilio Tapia estuduo a carreira de Dereito e adicouse principalmente ao periodismo desde moi novo. Dirixiu os xornais «El Lucense», «El Eco de Galicia» e «Norte de Galicia». Tamén sería o fundador de «El Correo» de Lugo. En novembro de 1883 ocupaba o cargo de Director do xornal local «El Hermandino». No mesmo ano, foi empregado da Administración Central de Correos en Madrid. No seu currículo figura tamén como Académico Fundador da Real Academia Galega.

Casaría na parroquia de Santiago de Mondoñedo con Dona Remedios Nogueira Miranda, o 24 de novembro de 1886. Dona Remedios era filla do capitán de infantería D. Manuel Nogueira Anllo, natural de Samordás, pero veciño do barrio de O Pacio, na antiga Rilleira de Trigás, e de Dona Dolores Miranda Luaces, natural da parroquia de Santiago de Viveiro, pero afincada na rúa Marqués de Rodil (actual Guevara) de Mondoñedo.
En 1903 Emilio publicaría a súa obra «Casas Íntimas». Foi Deputado e Presidente da Diputación Provincial de Lugo. Durante moitos anos foi socio do Casino de Mondoñedo, e chegaría a ser nomeado Presidente Honorario do orfeón mindoniense «Brisas del Masma».
Emilio faleceu en Lugo, o 12 de xuño de 1918. A Deputación Provincial fíxose cargo dun solemne funeral e o seu cadaver foi embalsamado e trasladado ao coñecido hoxe como Cemiterio Vello de Mondoñedo, onde descansan os seus restos.
O seu fillo, Emilio Tapia Nogueira, estudou con gran brillantez a carreira de Dereito e tamén exerceu o periodismo. Ao igual que o seu pai, falecería tamén moi novo.
IN MEMORIAN. EMILIO TAPIA RIVAS. 1862 – 1918
Coa colaboración de Andrés García Doural

Comenta a imaxe!