Seguimos traendo ao recordo a mindonienses que xa non están entre nos, para a nosa sección persoaxes, e así recordar estas figuras non tan recoñecidas. Hoxe falamos de Josefa Maseda Otero.
Josefa non tiña títulos universitarios, nin valiosas propiedades, tampouco un surtido comercio. Nos seus tempos mozos, cantou, bailou con soltura e tocou con mestría a pandeireta. Nada no mindoniense barrio de Vigo, da parroquia de Santiago, casaría con Juan Palacios Bermúdez, da parroquia de Santa María de Vilamor. Este matrimonio, nos seus comezos, fixou a súa residencia na edificación sinalada co número 53 da rúa Méndez Núñez (actual Álvaro Cunqueiro). Para máis tarde facelo na sinalada co número 47 da mesma rúa, onde falecerían.
Esta parexa cultivaba unha parcela de terreo sita na parte traseira do seu domicilio, co que alimentaban algúns animais para o seu sustento. Adicáronse durante moitos anos a venda ao por menor na Praza da Catedral, de diversas froitas e algúns frutos secos.
A nosa protagonista era boa coñecedora de diversas plantas aromáticas e incluso de algunhas con dotes menciñeiras. Na tenda do seu fogar conservaba numerosos feixes colgados das paredes (manzanilla, romeiro, paletaria, entre outros). Non en van, en moitas ocasións levantou a numerosas persoas que a visitaban o que ela chamada «paletillas e calleiros».

Recordamos, nalgunhas ocasións, vela desempeñar o seu arte: sentaba no chan da súa tenda no seu domicilio, sobre unha tea, ao «pacente», mandáballe xuntar as pernas polos xeonllos, tentar xuntas as duas mans ben estirados os brazos, e, como observara que non conseguise xuntalas ben, a continuación, desviábase uns pasos, e comezaba a pronunciar unhas verbas en voz baixa… Rematado ese acto, achegábase a persoa sentada no chan e collendoa polas axilas, tentaba levantala. Escoitábase un pequeno son ao longo da columna vertebral do «pacente». Ao intre, mandaba ao mesmo que se puxese en pe, amodiño, pero para daquela, este xa notaba certa melloría do seu malestar. Antes de despedir ao enfermo, Josefa, como boa «doutora», recordáballe non levantar pesos nin facer esforzos durante uns días.
Por xunto de Josefa pasarían moitos veciños de Mondoñedo, dos seus arredores, e incluso, coñecemos o caso do propietario do establecemento coñecido co nome de «Mejillonera» de Astorga.
Josefa facelecería no seu domicilio da rúa Álvaro Cunqueiro a idade de noventa e sete anos. ¡Qué ilusión lle facía a súa filla, Erundina, que chegase a alcanzar a o século de vida! Desta volta non foi posible.
O noso agradecemento a Erundina, filla de Josefa, que nos cedeu a foto que acompaña estas liñas.
Coa colaboración de Andrés García Doural

Comenta a imaxe!