Taca-Taca un oficioso predicador

Traemos hoxe a web outro personaxe da historia de Mondoñedo, con pintorescas e variadas anécdotas, das que algunha, chegan hoxe a estas liñas.

O prestixioso fotógrafo e pintor, residente no barrio dos Muiños de Arriba de Mondoñedo, D. Santiago Pernas Salazar, deixou inmortalizados en imaxes e incluso en cadros pintados a algúns destos persoaxes, como é o caso do que hoxe falamos.

José Valle Serantes, de mote “Taca-Taca”. Pepe, como lle acostumaban a chamar, nado na vivenda sinalada co número 12 do barrio dos Castros de Mondoñedo as quince horas do doce de maio de 1909. Fillo de Pilar Valle López, tamén coñecida entre os veciños como “A Manca”, e fillastro de Daniel Cabanas López “do Simón”. O señor Xuíz no momento de engadir a inscrición da nosa personaxe no Rexistro Civil de Mondoñedo, poríalle os apelidos de Valle Serantes.

Segundo o sacerdote D. Manuel Rico Prieto, superou a “Peroles” en pose, en variedade de conceptos. “O noso inolvidable Pepe”, como di D. Manuel, co seu periódico baixo o peto, e acción de brazos e faciana como o mellor orador. Home moi corpulento e dotado de seis dedos nunha das súas mans.

O noso veciño Manuel Devesa, que foi compañeiro de “Taca-Taca” na escola da Alcántara, comentounos que nalgunha ocasión, subíase ao pedestal do gran cruceiro que estaba colocado a entrada do convento de Alcántara e “predicáballe” ao pai “Pío”. Outro lugar, no que era cotiá atoparse a Pepe “predicar” era o atrio da parroquial de Santiago, onde o bondadoso e caritativo sacerdote D. José Chao Ledo aportáballe algunha “propina”.

O Seminario Santa Catalina, e principalmente os seus alumnos foron pasto das “serenatas” de Pepe. Inda D. Enrique Cal Pardo e Justo Ares, alumnos por aquelas datas, chegaron a contar diversas anécdotas.

A familia Mourelle de Mondoñedo aportoulle durante moito tempo roupa e alimento; o mesmo que o Seminario Conciliar. No ano 1934 chegou a estar detido no cárcere do partido de Mondoñedo e incluso penso en envialo para un manicomio, cousa que non chegaría a ocorrer.

“Pepiño”, faleceu o catorce de outubro de 1940, de forma sorprendente, a consecuencia dun forte catarro pulmonar na súa vivenda dos Castros. Correu a cargo dos gastos do enterro, o seu benfeitor Ricardo Mourelle Iglesias. O seu pesado cadaleito foi portado ao ombreiro ata a igrexa parroquial de Santiago por uns caritativos veciños, Justo Ares, José Antonio, Manuel e Atilano Pardo.

Pepe aparece na imaxe que ilustra estas liñas, xunto aos seus compañeiros de clase e o seu profesor D. Elías Pérez, na antiga escalinata da Alcántara. De esquerda a dereita, é o primeiro da segunda fila, dos que se atopan sentados. “Paco Fanego” compañeiro de clase de “Taca-Taca”, foi a persoa que amablemente nos indicou o lugar do noso personaxe, nesta imaxe.

Coa colaboración de Andrés García Doural


Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo