D. Oswaldo Codina Zapico. Nado o un de decembro de 1861 na rúa Puente de Mondoñedo. Fillo do tenente de Infantería, D. Rafael Codina Primo, natural de Játiva (Valencia) e de Dona Dolores Zapico Puga, oriunda de Riotorto.
Estando destinado como médico militar no 1º Batallón do Rexemento de San Marcial, de operacións na illa de Cuba, levaría a cabo un acto heroico no lugar coñecido como «Ceja del Negro». A Corporación mindoniense daquel momento, foi coñecedora do feito, e por unanimidade, acordaría o 20 de outubro de 1897 nomealo «Hijo Preclaro de Mondoñedo».

Do mesmo xeito, a corporación mindoniense daría o seu nome a antiga «Plazuela de Carruajes» pero pasado case un século, outra corporación, quitaríallo para darlle o nome que actualmente persiste «Praza do Concello».
D. Oswaldo quedaría viuvo moi novo e cando tivo oportunidade visita Mondoñedo. No ano 1900 casa en segundas nupcias coa súa parenta, D. Josefa Zapico y López Villarino. Celebración nupcial levada a cabo na capela do Pazo Episcopal de Mondoñedo e oficiado polo entón bispo D. Manuel Fernández de Castro. Oswaldo Codina falecería en 1901 sen descendencia a causa dun problema intestinal.
Fai uns anos que se levou a cabo un amplo cambio de nomes no rueiro de Mondoñedo, deste xeito desapareceron nomes como o do bispo D. Juan José Solís, o Marqués de Rodil, D. Castro Méndez Núñez, Cándido Martínez Montenegro ou a praza Oswaldo Codina Zapico. Non sabemos cal foi o motivo deste cambio e desaparición destes nomes do noso rueiro, nomes de persoas que durante a súa vida reunirón méritos máis que suficientes para mantelos. Un nome que si se conserva é do «Calle moscas», un insecto que si garda os méritos suficientes para esta relevancia.
Coa colaboración de Andrés García Doural

Comenta a imaxe!