Un recordado sacerdote, e militar!

Que mindoniense non lembra a fráxil figura e alegre sorriso, do humilde e bondadoso sacerdote Don Jaime Cabot Bujosa, camiñando polas nosas rúas, acudir as misas e funerais sen remuneración ningunha, visitar enfermos, rezar e tocar no Santuario de Nosa Señora dos Remedios, e tamén, durante moitos anos o órgano da Catedral nas funcións relixiosas.

Don Jaime naceu no ano 1913 na localidade mallorquí de Banyalfufart, e faleceu en Mondoñedo no ano 2005. Sería na súa localidade natal onde D. Jaime finalizaría os seus estudos de bacharelato e contabilidade. Ademais con doce anos, comezaba estudos musicais e de piano.

Sorprendentemente, no ano 1938 atopámolo co emprego de Sarxento de Infantería, destinado no Rexemento Mérida, número 35 na cidade de Ferrol. Finalizada a Guerra Civil, Don Jaime decide abandonar a carreira de armas e comezar a eclesiástica, un gran cambio que comezaría no Seminario de Mondoñedo.

Como se pode ver, Don Jaime foi un sacerdote de vocación tardía, sería ordenado o día 4 de xullo de 1948 en Mondoñedo, polo Bispo Don Fernando Quiroga Palacios.

Sería nomeado “Prelado de Cámara de su Santidad”, en 1960 “Beneficiario Organista de la Catedral” e en 1981 “Canónigo Organista”. Ademais exerceu como mestre no Seminario, onde tería tamén a súa residencia ata o seu falecemento, no 2005, os seus restos foron trasladados a Catedral mindoniense.

D. Jaime, participando no enterro de D. Andrés Baamonde no ano 1974

Recordado e querido sacerdote, que foi sempre moi agarimoso cos veciños, caritativo cos necesitados, visitador de enfermos… En Mallorca, a súa terra natal, promoveu unha fundación benéfica chamada “S´Olivar de Estellencs” sita nunha finca herdada da súa familia.

Poucas datas despois do seu falecemento, un grupo de veciños de Mondoñedo comezou unha campaña de recollida de sinaturas, para solicitar a súa beatificación ante o Santo Pai. Transcorreron moitos anos dende a defunción de Don Jaime e sospeitamos que esta gran iniciativa caeu no esquecemento.

O Concello de Mondoñedo, decidiu dar o nome de Praza de Jaime Cabot ao espazo existente entre o Auditorio Municipal, albergue de peregrinos, Centro de Interpretación do Camiño Norte e Xulgados. ¡Ben merecido!

IN MEMORIAN, DON JAIME CABOT BUJOSA.

Coa colaboración de Andrés García Doural


Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo