En Mondoñedo sempre tivemos plateiros, dende ven antigo, que atendían os numerosos encargos de igrexas e de certas institucións da diócese. O caso do que hoxe falamos é totalmente diferente.
No 1908, o cuarteto mindoniense «Os Pacheco» comezaba a súa andaina. Un dos seus compoñentes foi o músico e reloxeiro D. Augusto Insua Amieiro, que tocou durante varios anos a gaita no citado cuarteto. Para a ocasión o seu pai, D. Jesús Insua, confeccionaría unha artística gaita, toda ela de prata, dotando o seu punteiro dunhas chamativas chaves. A imaxe que acompaña estas liñas é a de Augusto co artístico instrumento ao hombreiro, imaxe cedida pola súa filla María Del Carmen.

O orfebre da gaita foi o seu pai D. Jesús Insua Pedrosa, que nacera no barrio dos Muiños de Arriba de Mondoñedo, o 5 de maio de 1861. Entre outras cousas, D. Jesús adicouse a profesión de reloxeiro, a música e a orfebrería en prata. Tocou o figle na Capela de música da Catedral de Mondoñedo desde 1883 a 1894. Casou con Eugenia Amieiro García, que exerceu a profesión de panadeira. A familia residiu na vivenda sinalada co número 39 co citado barrio. D. Jesús falecería no seu domicilio dos Muiños o 19 de marzo de 1922.
Ao falecer a súa neta María del Carmen Insua, que chegou a superar o siglo de vida, os seus herdeiros depositaron no museo diocesano de Mondoñedo a preciosa gaita; lugar onde se atopa na actualidade.
Coa colaboración de Andrés García Doural

Comenta a imaxe!