Durante os anos 1964 a 1969 leváronse a cabo importantes obras no interior da Catedral de Mondoñedo, o seu claustro e a Praza. Retirouse o feche frontal da Catedral e as fortes portas de ferro que permitían a entrada; reducíronse as dimensións do cantón e retirouse a súa balaustrada; cambiouse o pavimento a toda a praza, e levouse a cabo un cambio de circulación de vehículos a motor, etc.
Ao levantar o piso do atrio da Catedral, que estaba lastrado con grandes pedras pizarrosas, achouse unha cavidade, de forma acampanada e que tiña a súa boca en forma circular e construída con grosas pedras de cantería. Naquel entón xerouse unha enorme expectación.
No comezo instalouse un polipasto manual enriba da súa boca, cunha corda e un caldeiro. Uns «intrépidos» mindonienses baixaban por quendas de dous polo buraco, provistos dunha pala de albanel; logo dun anaco, mandaban o caldeiro ao exterior co que atopaban dentro da cavidade. Recordamos a Luis Gacio, a Espina, A Manolo Alvite ou a Alfredo Losada.

Na imaxe recoñecemos a Pascual Jiménez, Miguel García, «Pepe de Patrulla», Carreiras, Manolo Alvite, Pascual Ares, José Manuel R. Casas, Luis «O Policia» e a D. Francisco Mayán.
Descoñécese o resultado dos achádegos, pero o que sí foi certo, é que as autoridades non permitiron chegar ata o máis profundo da cavidade e mandaron cubrila de novo con unha gran pedra pizarrosa, enriba da que se colocaría o novo pavimento. ¡Curiosidades do noso Mondoñedo!
Coa colaboración de Andrés García Doural

Comenta a imaxe!