Chegamos as 20 mil visitas na web, algo que se di axiña, pero que ten detrás un traballo de horas, para en primeiro lugar poñer na rede o proxecto, darlle un formato e contexto, e por suposto a recolleita de imaxes e dende fai un tempo tamén textos que as acompañan.
Esta web naceu en abril de 2020, en plena pandemia pola Covid-19, coma un blog. Tras anos na rede, pasou a ter un dominio propio, e un espazo de aloxamento meirande na internet, custeado de forma íntegra polo seu autor.
Este maior espazo, da de si a oportunidade de subir maior contido a rede, co cal permite acoller traballos de colaboradores, tales como Nuria Anello, Luis Salaverri, ou Andrés García Doural.
Precisamente deste último versa a entrada de hoxe, a modo de agradecemento a súa persoa, pola súa desinteresada axuda con esta web. Case dende os inicios Andrés aporta a súa mirada sobre Mondoñedo, con imaxes curiosas que capta co seu obxectivo; pero dende fai un tempo, ademais desas imaxes máis actuais, Andrés tamén nos aporta outras fotos máis antigas, conxuntamente con datos, de detalles, persoas ou acontecementos que sucederon en Mondoñedo noutras épocas. Podemos contar máis de 170 colaboracións a día de hoxe de Andrés, e seguiremos sumando.

A ninguén se lle escapa que Andrés é unha fonte inesgotable de información e sabedoría sobre Mondoñedo e as súas xentes, un incansable estudoso da nosa historia, da nosa cultura e de todo o que teña que ver coa cidade e os seus moradores. Incansable buscador de información nos distintos arquivos, municipal, diocesano, catedralicio, provincial…
Ata fai uns anos Andrés contaba cun blog altamente coñecido “Miscelánea Mindoniense” o cal por desgraza xa non está accesible, tras desaparecer o servizo onde se aloxaba o mesmo. Derivado disto, un bo día, propúxenlle retomar esa actividade nesta casa, coas pequenas curiosidades que moitos días ten a ben aportarnos e que antes mencionaba.
Ademais, o noso amigo Andrés ten tamén unha boa morea de publicacións entre as que podemos destacar o seu libro sobre Manuela Rey ou tamén o seu traballo sobre a música en Mondoñedo, do que é coautor, entre outros moitos como o último presentado fai semanas en Castromaior do cal é destacado colaborador. É tamén un dos grandes aportadores de novas e curiosidades ao xornal Mondoñedo, editado pola Asociación de Amigos Cidade de Mondoñedo.
Dende Un Paseo en Imaxes, unha web de Marcos Candia Cuba, quero darlle as gracias a Andrés por todas e cada unha das veces que traballa man a man con esta casa para aportar tanta información e datos que ben agradecidos vos facemos chegar.

Comenta a imaxe!