Inda que por todos é coñecido que Mondoñedo non é unha cidade de tradición taurina, hoxe daremos conta dun par de toureiros relacionados co noso benquerido Mondoñedo. Coñecidos como «Frascuelito» e «Chechu». O primeiro deles, que adoptou ese peculiar nome foi o mozo José Antonio Fernández Rodríguez. De neno, seus pais voltaron a Mondoñedo e no ano 1890 fixan a súa residencia na Praza da Leña e adícanse a cocción de pan. No ano 1906, sabemos que a familia residía no barrio de San Lázaro de Mondoñedo e continuaban adicándose a cocción e venta de pan. O seu pai, Juan de Dios Fernández ocupou durante un curto período de tempo o cargo de axente municipal, sendo alcalde D. Ladislao Louro.
Frascuelito naceu o 20 de abril de 1884 en Madrid e días máis tarde era bautizado na parroquia de San Idelfonso da capital. José Antonio era fillo lexítimo do mencionado Juan, natural de «A Tallada», en San Salvador de las Cortes, Paradela (Lugo) e de Vicenta Rodríguez Bermúdez, nada no barrio da Fonte Vella en Mondoñedo. Frascuelito tivo cinco irmáns: Valentín, Manuel, Consuelo, Manuela e Isidora.
Con once anos, Frascuelito ingresaría no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, abandonando os libros aos tres anos do seu ingreso, polo arte do toreo e marcha novamente a Madrid. Nos seus comezos, Frascuelito, dentro do escalafón taurino formaba parte como banderilleiro da cuadrilla de espadas Ángel García Padilla e de Facundo Broseta Pastoret. Por datos da prensa daquela época, parece ser que realizaba as faenas satisfactoriamente e demostraba moita valentía. Cando gozou de certa experiencia, decide abandoar a categoría de banderilleiro pola de matador de touros. Foi o seu apoderado na carreira taurina D. Valentín del Seijo (persoa moi coñecida no Mondoñedo daquela época).
No mes de xullo de 1904, o xoven toureiro fai un pequeno alto na tempada taurina e visita os seus familiares e amigos en Mondoñedo, séndolle dispensado un caluroso recibimento, como se chegou a comentar na prensa local da época (La Voz de Mondoñedo).

Descoñecemos cando remata a súa actividade profesional, e de que forma, inda que algúns veciños de avanzada idade comentaron que non chegou a alcanzar os éxitos apetecidos no escalafón taurino. Neste citado escalafon no ano 1909 «Frascuelito» seguia figurando.
Xa no ano 1910 un voraz incendio desfixo o forno de cocer pan que poseía a familia no barrio de San Lázaro. Da súa familia deixamos de obter datos a partir do ano 1930 e que sepamos, non quedan descendentes en Mondoñedo.
Grazas ao noso amigo Carlos Novo, gran aficionado a este arte do toreo, coñecemos a existencia doutro xoven toureiro, con amplas raíces paternas na parroquia de San Esteban de Oirán, Mondoñedo. O seu nome é José Ramón García Olivares «Chechu», nado na poboación de San Sebastian de los Reyes (Madrid) o 14 de xaneiro do ano 1988. Neto paterno de Ramiro García Vázquez, membro da familia «Bastián» da citada parroquia de Oirán.
Chechu tomou a alternativa na praza de Segovia, actuando como testigo Cayetano Ribera Ordóñez. Chechu, pese a súa xuventude xa toreou en prazas como Sevilla, Ávila, Pinto (Madrid), Sigüenza (Guadalajara), Villarrobledo (Albacete), Murcia, Valladolid, Alicante, Torremolinos (Málaga) ou Nimes (Francia), entre outras. No ano 2007, toreando na praza de Ávila, foi ferido de pronóstico moi grave. Chechu, continúa moi activo e colleitando sonados triunfos.

As corridas de touros na cidade de Mondoñedo, quedan xa moi lonxanas, pero o noso antigo cronista D. Eduardo Lence Santar, deixounos nas súas publicacións numerosa información sobre elas.
Coa colaboración de Andrés García Doural

Comenta a imaxe!