Estas liñas non pretenden, nin moito menos, ser unha biografía, se non máis ben, un cariñoso recordo, a un dos nosos veciños máis queridos, que nos deixou fai un tempo, hoxe as nosas imaxes e comentario, van por “Chipo”.
Mondoñedo sempre contou con personaxes moi populares entre os seus veciños. Todos estes mindonienses deron cor a uns anos privilexiados en imaxinación e festas. Pero tamén se viviron momentos difíciles e cheos de numerosas necesidades.
Como dicíamos, hoxe recordamos ao noso veciño Feliciano, máis coñecido por Chipo. Feliciano naceu no 1941 en Mondoñedo. Era fillo de Felicino Rico (empregado de Barras Eléctricas, “BEGASA”) e de Pepita González.
Dende ben novo sentiu gran paixón pola música. Era fácil atopalo nos ensaios da Banda Municipal de música na rúa Pardo de Cela, ou nos das orquestras mindonienses, “Melodías del Jazz” ou “Royalty-Melodías”, que por aquelas datas facíano nunha edificación propiedade de “Xaquina do Cordeiro”, na rúa Rigueira de Mondoñedo.
Cando volta, licenciado do servizo militar obrigatorio, Feliciano comeza a traballar na empresa BEGASA, onde xa o fixera o seu pai e tamén o seu irmán Chicho. Por unha serie de motivos, que non veñen ao caso, chega a perder o seu posto de traballo. Durante un tempo estivo sen actividade, ata que cumpriu a idade regrada para a súa xubilación.
Feliciano formou unha gran amizade co músico, profesor e compositor, Arcadio Mon, xa que, co tamén músico, Antonio Seivane Casavella, a tiña xa dende a xuventude, e ambos eran compoñentes da orquestra “Los Mejoranos” de Ferreira do Valadouro. Durante uns anos, os compoñentes da citada formación, incluso viron como Chipo os axudaba a montar e recoller o material usado nas súas actuacións e acompañounos polas catro provincias galegas, ademais de Asturias e León.
Feliciano era un gran coñecedor de músicos e orquestras, motivo polo que frecuentemente o atopábamos na dianteira dos campos da festa, xusto enfronte do palco, escoitando con atención o son dos instrumentos. Eran as súas citas máis habituais San Lucas, Quendas, Nosa Señora dos Remedios, ou tamén o San Ramón de Vilalba, Conde Santo de Lourenzá, Fátima de Gontán, San Lourenzo de Foz ou San Bartolo de San Cosme de Barreiros.
Polas San lucas, Quendas e tamén polo Carnaval, dende fai uns anos, é habitual a contratación de diversas charangas por parte das comisións organizadoras dos festexos, para animar o ambiente das nosas rúas. Aquí non podía faltar Chipo, dirixindo o percorrido de algunha delas, indicándolles os lugares de descanso (bares); sempre situado na dianteira das formacións e portando unhas artísticas maracas de madeira, moi ben decoradas para as ocasións.

Nos últimos anos, acompañou, sempre que podía, ao grupo musical de Foz “Arcadio Mon y Nueva Ola”. Grupo que chegou a actuar no programa da TVG “Luar”. No medio do corpo de coreografía do programa, puidemos ver a Chipo tocando as súas orixinais maracas!!! A súa amizade con Arcadio, chegou a ser moi intensa, e cando este faleceu, o noso veciño Chipo, estivo un tempo ben triste pola perda do seu amigo.
Sempre marchaba elegantemente vestido, con traxes e garabatas de moito colorido e en bo estado, ou con prendas moi ben combinadas. Con estes traxes tan chamativos, era frecuentemente, confundido polo público, cun dos vocalistas da orquestra, ou tamén, dados os seus coñecementos musicais, o “manager” da formación.
Outra das súas coñecidas facetas, era cando se aproximaba unha cita electoral, xa fose municipal, autonómica, ou nacional, non se perdía ningún mitín do Partido Popular, nin visita de político de este partido a nosa cidade, e participaba de forma activa na distribución de propaganda electoral e na pegada de carteis. Merecida fama tiña neste último aspecto, pola colocación dos carteis en lugares estratéxicos de vivendas de veciños que el sabía que votaban outras formacións. Dende logo sentía as cores!
Pero se sentía as cores políticas, non menos as do seu Barça, xa que foi un gran simpatizante do club catalán. Cando este colleitaba algún dos seus numerosos triunfos, Chipo vestía elegantemente, lucía unha brillante insignia do club na solapa da súa chaqueta, e unha fermosa garabata coas cores do equipo catalán, que un bo amigo lle agasallara.
Outra das súas coñecidas habilidades, chegaba cando as festas de Nosa Señora do Carmen, Santiago dos Muíños ou San Roque, onde podíamos atopar a Chipo tirando os foguetes anunciadores das festas e procesións. Unha arte que dominaba con mestría.

Calquera actividade que se levase a cabo no Casino de Mondoñedo, xa foran bailes, festas de Carnaval para os máis pequenos, homenaxes ou despedidas, e un longo etc, alí podíamos atopar a Chipo para abrir e fechar o local, mirando sempre polo bo orde.
Manolo Tapia “Do Rincón”, era outro gran amigo e valedor seu. Raro sería o día que non atopásemos a Chipo nalgún dos bares que rexenta Manolo, ou pegando carteis anunciadores de eventos de algún acto organizado por Manolo ou incluso acompañando ao equipo de fútbol sala que patrocinaba. O mesmo podemos dicir do industrial Isidro Otero García ou da benfeitora Elvira “do Valeco”.
O día 5 de maio de 2022, a primeira hora da maña, comentábase en Mondoñedo o pasamento de Feliciano no Hospital Comarcal de Burela, onde se atopaba ingresado dende días atrás; o toque da campá da agonía da nosa Catedral, confirmábao…
Con poucos días de diferencia Mondoñedo perdía a dos veciños dos que se falará e se comentarán anécdotas durante moitos anos, o “Mago Merlín” e “Chipo”.
IN MEMORIAN: FELICIANO RICO GONZÁLEZ, CHIPO
©Andrés_García_Doural
©Marcos_Candia_Cuba

Replica a Axente e leñador, chega “Cazuña” – Un paseo en Imaxes Cancelar la respuesta