Traemos hoxe ao recordo outra personaxe mindoniense que ben seguro é recordada por moitos de vos. Como xa fixemos con «Chipo«, «O Mago Merlín» ou «Cazuña«, hoxe chega o turno de Antonio Fernández…
Con este nome, Antonio Fernández Fernández, cecais a moitos non lles chame a atención; pero se cambiamos a «Prin«, seudónimo co que era coñecido, todos o recordamos con sumo cariño e incluso se comentan anécdotas da súa extensa vida. Quen non coñeceu ao noso «amiguiño Prin».
Antonio era natural do concello de Viveiro, fillo de nai solteira, nado o 25 de novembro de 1925. Sendo moi neno falece a sua nai e ingresa na Casa de Beneficiencia de Lugo. Chegaría a Mondoñedo, ao actual Centro Asistencial San Pablo e San Lázaro o 9 de marzo de 1945, ao desaparecer a citada institución provincial, xunto a 47 compañeiros. Dende esa data permanecería de xeito ininterrompido entre nos.

Prin chego a ser moi querido e aprezado entre os mindonienses. Uns saudábano de xeito garimoso, outros dábanlle moedas de «propina» e convidábano a café.
Unha das anecdotas recordadas de Prin, foi cun antigo limpabotas chamado José, compañeiro do noso protagonista no centro San Pablo; sempre lle facía enfadarse, con frecuencia as portas do bares Central e Porriño, dicíalle palabras mal soantes ao oído e pronunciaba repetidas veces a verba «Chicho» que non lle sentaba ben ao noso «amiguiño». Prin, desde xeito, emprendía a continuación unha veloz persecución detrás de José, co cinturón do seu pantalón na man, chegando a entrar no interior do bar Porriño varias veces e correr por entre as mesas.
Tamén era habitual ver alterado o seu compartamento cando algunha persoa lle dicía ¡Aih Marisol, matáchelle o gato a Roque!
Durante un longo período de tempo foi o encargado de baixar a diario recoller o xornal para o Centro San Pablo, visitaba o quiosco xunto ao Cristo dos Remedios, tarefa que lle encomendaban as monxas, deixándolle unha carteira de coiro que se poñía cruzada no pescozo. O seu curto percorrido alongábase, era saudado polos seus amigos e visitaba algúns negocios cercanos onde sempre era moi ben recibido e incluso en moitas ocasións, convidado a tomarse un café «descafeinado».
«Prin», deixounos o 12 de xullo do ano 2014, curiosamente cadrando coa visita a nosa cidade do «Circo Prin», foi unha persoa querida por todolos mindonienses. Recordámolo como fumador empedernido, coa súa carteira para recoller o xornal, e tomando os cafés e outros, cos seus amigos que moitas veces o convidaban ou lle aportaban as súas «propinas».
IN MEMORIAN,ANTONIO FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ. PRIN
Coa colaboración de Andrés García Doural

Comenta a imaxe!