Cecais nos fixamos pouco nos detalles, e moitas cousas pasan desapercibidas cando transitamos polas rúas dos pobos que visitamos, e incluso tamén da propia cidade na que residimos, ¿Cantas cousas descoñeceremos?
En Mondoñedo, nun costado da céntrica Praza da Catedral, no dintel da porta de entrada a un antigo comercio textil, hoxe adicado a oficina-xestoría, atópase esculpido, en pedra de granito, o rostro do Deus Mercurio.
O excelente comercio textil que se situaba antano aquí, a finais do siglo XIX era propiedade de D. José Ramón Rego Villamil e de Dª. Remedios González Díaz. Co paso dos anos pasaría a propiedade do fillo destes D. José maría Rego González e da sua nora, Dª Aurora Martínez Fandiño.

Mercurio, Deus da mitoloxía romana, fillo do Deus Xúpiter e da deusa Maya, representado como adolescente e tocado cun casco alado, pasa completamente desapercibido para os transeúntes. Mercurio era considerado o Deus dos mercaderes e protector dos camiñantes.
Este fermoso detalle, tallado en pedra de granito, tamén pasa sen pena nin gloria para os visitantes da nosa cidade e como dicíamos, incluso é descoñecida a súa existencia para moitos dos nosos veciños. Non se ten constancia doutra imaxe deste Deus, tallada en pedra, en todo o concello de Mondoñedo nin nos veciños de arredores.
Coa colaboración de Andrés García Doural

Comenta a imaxe!