Seguimos recordando persoaxes importantes do noso benquerido Mondoñedo, e hoxe é o turno de Dona Alicia Tezanos Muiño. Nada o 22 de xuño de 1923 na rinconada da rúa Padilla (actual Alfonso VI) de Mondoñedo. Filla de D. Eusebio Tezanos Fernández, natural de Los Corrales (Cantabria), tenente de Infantería que no seu entón participou na contenda cubana e máis tarde, destinado no Batallón de Mondoñedo, número 57, e de Dona Remedios Muiño Penelas, natural da nosa cidade.
Alicia remataría os seus estudos de maxisterio en setembro de 1952. Logo diso pasaría un período de interinidade, ata que o 22 de novembro de 1954 opositaría a Mestra. En 1960 realiza nova oposición desta volta a Escolas Maternais e de Párvulos.
Na Orde do 10 de novembro de 1956 e BOE do 6 de xaneiro de 1957 créase a Escola Nacional Mixta de Párvulos de Mondoñedo. A nova escola estaría localizada no piso alto do antigo Consistorio (actual biblioteca municipal). O seu primeiro mestre sería o tamén recordado D. Alfonso Cigarrán.

A nosa protagonista ocuparía o cargo de mestra de párvulos na cidade mindoniense durante moitos anos. Unha vez chegada a súa idade reglamentaria para a xubilación, Alicia pasa a residir nunha edificación da rúa Cándido Martínez (actual Lence Santar), onde falecería no mes de decembro de 2002. Varios irmáns de Alicia proseguiron a carreira de armas.
Os que tiveron a sorte de ter a como mestra a D. Alicia Tezanos, sempre a recordan con moito agarimo, porque ademáis de ensinarlles as primeiras letras, con suma paciencia, era quen de manter a orde naquelas mesas e sillas de madeira pintadas de diversas cores. ¡Que curtos eran os recreos no Cantón Grande e Pequeno! Dona Alicia sempre cun sorriso!
IN MEMORIAN. ALICIA TEZANOS MUIÑO. 1923-2002
Coa colaboración de Andrés García Doural

Deja un comentario