Un artista mindoniense

Joaquín Pio Montouto Pardeiro, nado o 7 de maio de 1865 no lugar de Martille, parroquia de Santiago de Adelán (Alfoz); fillo de Francisco Montouto e de Rita Pardeiro Fernández; e a súa vez, neto materno de Félix Pardeiro, e Vicenta Fernández, veciños do lugar de Villacizal de Adelán.

Joaquín do que hoxe falamos, aprendería o oficio de pintor e dorador, inda que descoñecemos quen foi o seu Mestre. Durante a súa vida exerceu ese oficio en Mondoñedo e os seus arredores. Joaquín casaría con Asunción Juana Pardo Vega “Albarega” e residiron nunha edificación da rúa José María Pardo co número 15, para logo mudarse ao número 7 da rúa Cándido Martínez, actual Lence Santar.

Do noso protagonista, Joaquín, coñecemos alomenos tres traballos levados a cabo en Mondoñedo, inda que é de supoñer que durante a súa vida executou moitos máis. O primeiro do que temos constancia data de abril do 1907. Sería Dona Pascuala Veiga a que encargaría a Joaquín pintar o nicho do coñecido como “Cristo de la Fuente Vieja”, na súa parte superior pode lerse a perfección “Fue legado por nuestras inquietudes, quebrantando por nuestros pecado – Isaías“. Diante esta imaxe, acostumada arder un farol con aceite, por conta das limosnas que depositan persoas devotas.

O segundo, data do mes de maio de 1910, cando foi inaugurado un altar no Santuario de Nosa Señora do Carmen de Mondoñedo. Executaron os traballos, dous artistas mindonienses, Guillermo Bernigaray Rego e o noso protagonista Joaquín. A obra foi costeada polo presbítero D. José A. González. O deseño sería de D. Ramón Martínez.

A terceira das súas obras, que coñecemos, é de decembro de 1918, cando foi restaurada a imaxe de San Roque da hornacina do antigo Consistorio. Levaron a cabo esta tarefa os artistas Joaquín Montouto, pintor e dorador e Pedro Salaberri de la Torre, escultor.

De xeito inesperado, Joaquín faleceu en Mondoñedo o 23 de maio de 1927. O seu enterro e funeral foron moi concorridos. Do seu matrimonio con Asunción non quedaría descendencia ningunha.

A foto que ilustra estas liñas foi doada pola nosa veciña Ester Otero Loureiro, que coa amabilidade que a caracteriza no la facilitou. A familia paterna da nosa querida Ester garda parentesco co noso persoaxe de hoxe, Joaquín.

Coa colaboración de Andrés García Doural


Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo