D. José Luis Fernández de Betoño e Pérez de Arenaza naceu no seo da familia formada por D. Pedro Fernández de Betoño Bereincúa (1888-1938) e D.ª Marcela Pérez de Arenaza e Samper-Rabasa. A súa mocidade estivo marcada pola traxedia cando o seu pai, oficial terceiro do Corpo Auxiliar de Sanidade, perdeu a vida o 6 de marzo de 1938 na batalla do Cabo de Palos (Murcia). O afundimento polos torpedos do cruceiro Baleares, onde prestaba servizo xunto con outros centos de persoas, deixou a catro fillos de curta idade orfos de pai: o propio José Luís, e os seus irmáns María del Pilar, Jesús María e Pedro. A súa nai, D.ª Marcela, á que lle foi concedida a Medalla ao Sufrimento pola Patria no ano 1943, falecería máis tarde, en 1960, na cidade de Ferrol.

A vocación relixiosa levou a D. José Luís a cursar a carreira eclesiástica. Foi ordenado sacerdote na parroquia de San Salvador de Valdediós, en Villaviciosa (Oviedo), de mans do bispo D. Benjamín de Arriba y Castro, quen anteriormente estivera á fronte da diocese de Mondoñedo. O novo presbítero oficiou a súa primeira misa ás once da mañá do 19 de abril de 1945, na igrexa parroquial de San Xiao de Ferrol. Nesa cerimonia tan especial actuaron como padriños os seus irmáns D.ª Pilar e D. Pedro, este último capitán de Infantaría de Mariña.
A súa traxectoria pastoral levouno por diversos destinos. Tras estar destinado en San Xoán e no convento das Mercedarias de Faxardo, ocupou o cargo de coadxutor de Caranza. No ano 1949, o bispo mindoniense D. Fernando Quiroga Palacios nomeouno cura ecónomo de Loira. Xa a mediados dos anos sesenta, pasou a exercer como párroco de San Lourenzo de Sasdónigas e do seu anexo, San Vicente de Trigás.
Con todo, o seu vínculo máis recordado consolidouse en 1964, cando foi nomeado canónigo sochantre da catedral de Mondoñedo. Aínda hoxe, moitos veciños da localidade lémbrano transitando polas súas rúas, participando activamente nos diversos actos relixiosos da catedral e mesmo hospedándose na coñecida “Fonda de Doña Cándida”, situada na rúa Bispo Sarmiento.
D. José Luís Fernández de Betoño faleceu o 24 de maio do 2002 en Mondoñedo. Hoxe, os seus restos mortais descansan para sempre nunha sepultura do claustro da catedral mindoniense, pechando así o círculo da súa vida e obra.
Coa colaboración de Andrés García Doural

Deja una respuesta