Hoxe queremos adicar un espazo a realizar unha recensión de D. Francisco Mayán Fernández, quen fora durante moitos anos o director do instituto de Mondoñedo, ademais de exercer como alcalde da nosa vila durante dous anos. A nosa intención non é trazar unha biografía académica estrita, pois ante unha vida tan lonxeva e frutífera necesitariamos realizar unha investigación exhaustiva; non obstante, con estas notas e lembranzas, cremos acadar o noso propósito de renderlle homenaxe.
Algúns tivemos a inmensa fortuna de ser alumnos seus naqueles anos 1975 e 1976. Aínda gardamos na memoria as súas clases de historia na tan lembrada aula número 5 e as proxeccións dos luns na sala de diapositivas. El foi tamén o noso director durante toda a etapa do bacharelato. Canto ten cambiado dende entón o coidado das instalacións, a relación co profesorado e os bos costumes!
Como alumnos, todo hai que dicilo, tamén lle demos algúns desgustos. Inesquecible foi a aparición de pintadas nas paredes exteriores do salón de actos, ou cando nos pechamos no edificio dos laboratorios en sinal de protesta polas clases que debía impartirnos unha profesora. Aínda lembramos con precisión a José María López Noceda, Justo Ares ou Gonzalo García, membros da asociación de pais de alumnos, pedíndonos por favor que depuxésemos a nosa actitude. A media tarde, tras celebrar unha asemblea e recapacitar, decidimos abandonar o peche. Isto que relatamos é un anaco da parte negativa do centro educativo; pero hoxe, despois dos anos transcorridos e sendo xa persoas adultas, cremos que ningún dos compañeiros e compañeiras que o levamos a cabo nos sentimos orgullosos daquel acto. Pero imos ao máis importante! Queremos achegar algúns datos biográficos da vida e obra de D. Francisco Mayán, a gran maioría deles vinculados aos numerosos anos que permaneceu entre nós.

D. Francisco naceu o 30 de setembro de 1916 na localidade de Cee (A Coruña). Era fillo de Francisco Mayán Canosa, comerciante de profesión, e de Manuela Fernández Rodríguez, natural da Coruña; e neto por vía paterna de Benigno Mayán Gómez e María Canosa Merens. Xa en 1933, durante os exames oficiais de Bacharelato en Cee, obtivo dúas matrículas de honra, recibindo o título de Bacharel no ano 1934. No convulsivo ano 1937 foi nomeado Delegado de Prensa e Propaganda de Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S. na súa localidade natal.
Cun expediente brillante, realizou os seus estudos na universidade compostelá, obtendo o título de Licenciado en Filosofía e Letras coa cualificación de sobresaliente e Premio Extraordinario. Máis adiante, traballou como profesor axudante na Universidade Central e no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), doutorándose en Madrid coa defensa dunha tese sobre historia medieval española.
En 1946 atopámolo como director do Colexio Municipal da poboación de Villablino (León), lugar onde contraeu matrimonio o 21 de xuño de 1952 con Maruchy Fernández García.
A súa historia con Mondoñedo comeza por orde do 4 de novembro de 1953, cando é nomeado profesor titular de Xeografía e Historia no Centro de Ensino Medio da nosa vila. D. Francisco, a partir da toma de posesión, gozou da retribución anual de doce mil pesetas e demais emolumentos fixados para o centro do seu destino. Só un ano despois, en 1954, pasa a ocupar o cargo de Director do recén inaugurado Instituto Laboral. Naquelas datas, o matrimonio residía de alugueiro no terceiro piso do número 7 da Praza da Catedral, aínda que máis tarde se mudarían, por comodidade, a unha vivenda máis próxima ao instituto na Avenida San Lucas. Cabe lembrar que D. Francisco tiña unha discapacidade física nunha perna dende a nenez, o cal lle dificultaba camiñar e subir escaleiras, especialmente ata que a finais dos anos sesenta adquiriu un Seat 850.

O seu compromiso con Mondoñedo levouno a ocupar o cargo de concelleiro na corporación mindoniense en 1954 (sendo alcalde o avogado D. Alejo Barja Prieto). A súa implicación seguiu crecendo: en 1956 é nomeado Comisario Local por parte do Comisario Xeral de Escavacións Arqueolóxicas e en 1958 entra a formar parte da Excelentísima Corporación Provincial, por un período de seis anos, integrándose na Comisión de Educación, Deportes e Turismo. En 1960 é galardoado coa Cruz de Afonso X o Sabio e é nomeado Xefe Local do Movemento. Como dato salientable, o 18 de marzo de 1964 encargouse de dar o Pregón da Semana Santa lucense no Círculo das Artes de Lugo.

Dende o ano 1964 ata 1966 ocupou o cargo de alcalde de Mondoñedo, en substitución de D. José Lorenzo García. Durante o seu mandato prestou a máxima atención á limpeza de rúas e prazas, ordenou o pintado de portas, xanelas e fachadas, a reparación de canlóns e fixo cumprir a orde cívica. Paralelamente, na súa etapa como director do instituto creouse a Asociación de Pais de Alumnos do centro e realizouse o primeiro exame de ingreso feminino para cursar o Bacharelato Xeral Elemental Feminino.
Na dilatada vida de D. Francisco tamén atopamos episodios moi curiosos: en 1965 impuxo a banda a María del Carmen Fernández Sánchez como «Miss Mondoñedo» no Salón do Casino Mindoniense; en 1966 formou parte da Comisión local do Carme para a concentración parcelaria da parroquia; e participou en varios tribunais de oposición na comarca, como en Foz (1971) ou para unha praza de garda municipal (1972).
Como recoñecemento a todo o seu labor, no ano 2001 a corporación mindoniense acordou nomealo Cronista da cidade de Mondoñedo.
D. Francisco Mayán Fernández foi autor de numerosos artigos de prensa, conferenciante, participante en mesas redondas e artífice de importantes investigacións históricas. Da súa autoría naceron obras coma El Sino de la Hispanidad (1942), Breve Guía Histórica Artística de Mondoñedo (1975), El Mariscal Pardo de Cela (1962), Obispos de Mondoñedo (1954) ou Historia de Mondoñedo desde su origen hasta 1833 (1994), entre moitas outras.

Doutor en Filosofía e Letras, Membro do Consello de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Académico Correspondente da Real Academia Galega e Cronista Oficial de Mondoñedo, D. Francisco faleceu en Lugo o 5 de setembro do 2010, cidade na que residía dende facía uns anos. Do seu matrimonio non deixou descendencia algunha.
É indubidable que todo ser humano ten a súa historia, xa sexa labrada polos seus propios méritos ou polos designios da fortuna. E a de D. Francisco quedou para sempre entrelazada coa da nosa vila.
Coa colaboración de Andrés García Doural

Deja un comentario