O mindoniense D. José Lodeiro Piñeiroa, músico maior do Exército, foi unha persoa que non só destacou pola súa incansable traxectoria laboriosa, senón tamén pola súa extraordinaria xenerosidade, a súa gratitude e un infinito gusto polos detalles. Grazas a estas sobranceiras calidades humanas, hoxe sabemos que tivo por costume dedicar as súas partituras aos mandos das unidades militares onde estivo destinado, aos seus mestres e, por suposto, a entrañables amigos da súa cidade natal.
Ao seu mestre D. José María Varela Silvari, docente na Academia preparatoria de Madrid, adicoulle un pasodobre en sinal de respecto. Ao director da Banda do Rexemento de Almansa Nº 18 (o Sr. Cánovas), co que coincidiu en Lleida cando exercía como músico de primeira, ofreceulle outra destas composicións. Tampouco se esqueceu do tenente coronel D. Ramón Tomaseti Gali, presidente do tribunal de exame para músico maior en Figueres no ano 1897; nin do coronel D. Ildefonso Francés López, ao mando do Rexemento de Asia Nº 55 de Xirona; ou do coronel D. Francisco Sánchez Manjón del Busto, quen dirixía o Rexemento de Alcántara Nº 58 en 1910. Todos eles foron honrados con cadanseu pasodobre.
A lista de homenaxes esténdese a outras altas xerarquías, como o xeneral D. Luís Castelví (destinado en 1903 en Barcelona e que en 1910 exercía como Capitán Xeneral de Valencia), a quen tamén lle brindou unha das súas pezas, do mesmo xeito que fixo co xeneral Borja e co coronel Parera, destinatarios doutras das súas partituras.

Porén, este mindoniense digno de loanza quixo plasmar de xeito moi especial o seu afecto pola vila que o viu nacer. Así, adicou o título de dúas partituras a dous bos amigos de Mondoñedo: os irmáns Víctor e Asunción de Silva Posada. Os títulos elixidos para a ocasión resultan hoxe en día sumamente chamativos e curiosos: “Damisela” e “Capitán Lilao”, cuxa partitura ilustra precisamente esta publicación.
Este músico militar, hoxe quizais pouco coñecido para o gran público pero cun corazón cheo de altruísmo, foi un gran benefactor da poboación dos seus amores. D. José Lodeiro viviu entregado por completo á arte musical e morreu pensando nela, deixando plasmado na súa última vontade o desexo de fomentar e difundir para o futuro a disciplina á que consagrou a súa vida.
Coa colaboración de Andrés García Doural

Deja un comentario