Casa Cigarrán: o gran bazar da nosa memoria

En maio de 1914, Mondoñedo asistía ao devalar de dous vellos inmobles na cabeceira da Praza de Mondoñedo. Pascual Cigarrán Aguiar adquirira estas propiedades co firme propósito de erguer no seu solar unha nova edificación, máis ampla, maxestosa e cunha estética que embelecese o corazón da nosa cidade.

Aquel ambicioso proxecto callou nunha impoñente construción de dúas áreas, 45 centiáreas e 24 decímetros. Cunha combinación de cantería de granito na súa planta baixa, columnas señoriais e cachotería lucida en cemento nos pisos superiores, todo coroado por un tellado de lousa e cálidos pisos de madeira, o edificio converteuse decontado nun fito arquitectónico local.

Foi na planta baixa deste esplendido inmoble —sinalado orixinalmente co número 1 da rúa Progreso, hoxe número 2— onde en 1934 existía un dos comercios máis extraordinarios e surtidos que lembra Mondoñedo: a icónica «Casa Cigarrán», propiedade do matrimonio formado por Pascual Cigarrán Aguiar e Josefa Vila Pérez. Aínda que o fundador finara en febreiro de 1918, a súa pegada e o seu apelido permaneceron indisolublemente ligados a un negocio que fixo historia.

Entrar en Casa Cigarrán era somerxerse nun mundo de infinitas posibilidades. Alí, os mindonienses e veciños de toda a comarca podían atopar de todo: dende ferraxaría e material de caza ata a camisaría máis elegante, bixutería, reloxaría, perfumaría, óptica, cristalaría, pirotecnia, cadros, peletaría, delicados bordados e puntas, roupa branca, artigos de guarnicionaría, xoguetes para os máis novos, sombreraría, zapatería, paraugas, mobles e toda clase de obxectos de viaxe ou decoración. Un auténtico bazar de prodixios que concentraba nun só espazo todo o que unha sociedade en movemento podía precisar.

Porén, o fado deparou tempos difíciles para este proxecto empresarial, que acabou sufrindo unha quebra tanto no comercio coma na banca que a familia administraba, levando a poxa pública esta fermosa edificación. Co paso do tempo, os andares que outrora acolleran o bulir de Casa Cigarrán pasaron a albergar as oficinas de Telégrafos e a sucursal do Banco de La Coruña. Máis tarde, sería a quenda do Banco de Bilbao e, dende hai xa uns anos, este emblemático espazo acolle a oficina do Banco Bilbao Vizcaya Argentaria (BBVA).

Aínda que hoxe a actividade bancaria ocupe o lugar, a memoria de Mondoñedo garda con enorme agarimo o recordo daquela mítica Casa Cigarrán, testemuño dun tempo de esplendor comercial e emprendemento que hoxe rescatamos a través desta fermosa estampa de época.

Non podemos despedir este pequeno recordo de casa Cigarrán sen recordar a Vicente López Rico «Rincha el Moro», nado o 16 de outubro de 1867 no Foro, Maariz, e que faleceu no hospital San Pablo no 1932. Nunha axitada tarde, «Rincha el Moro» da cabalo da súa montura ascende a costa da Praza da Catedral ata adentrarse no propio comercio Casa Cigarrán tentando saltar o mostrador enriba do seu cabalo, ao máis puro estilo dun cowboy americano. Cando a policía municipal ou algún veciño se queixaba do excesivo consumo de bebidas alcohólicas, Vicente respostaba «Todos me saben d’o viño que bebo, pero non saben a sade que eu teño«.

Coa colaboración de Andrés García Doural


Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Categorías: ,
Anuncios

Deja un comentario

Alameda Aldea Aliñación Andrés García Doural Animal Arte As Quendas Atardecer Auga barcos Bierzo Cabalos Cantábrico Carnaval Casas Cascada Catedral Cemiterio Ceo Cidade Colaboración Color Concentración Construcción Cor Cores Costa Cruz Cultura Curiosidade Curiosidades Deporte Entroido Escultura Eólicos feira Festa flor Fonte Foz Fútbol Historia Igrexa Inverno Luces Luz Mar Mirada Montaña Montañas Monte Monumento Motos música Nadal Natureza Neboa Neve Nocturna Noite Nubes Nuria Obras Os Muiños Outono Ovella Paisaxe Panorámica Patrimonio Pazo Pedra Persoaxe Personaxe Personaxes Ponte Porto Praia Praza Procesión Relixión Reloxo Ribadeo Rinlo Rochas Rural Ría Río Rúa San Lucas Semana Santa Seminario Sol Toxiza Tradicción Tradición Tronceda Verde Vista Vistas Árbores

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo