Un mindoniense na acción do Callao: a historia esquecida de José Vila García

“Hoxe morre este valente e mentres os prohomes de Madrid e os intrigantes da política se enriquecen fabulosamente, os orfáns e a viúva do heroe case teñen que pedir limosna”.

Con estas contundentes palabras expresábase o xornal El Eco de Santiago o 10 de outubro de 1894 ao dar a noticia do pasamento dún veciño de Mondoñedo que participara no histórico combate naval do Callao (Perú). A súa defunción tivo un eco notable na época, collendo tamén cobertura nas páxinas do xornal El Correo de España.

O 2 de maio de 1866, a escadra española, baixo o mando do ilustre mariño galego Casto Méndez Núñez, librou un encarnizado combate de máis de seis horas contra a fortificación, case inexpugnable, do porto do Callao. A contenda saldouse con 42 mortos e máis de 150 feridos, entre os que se atopaban varios veciños das vilas de Viveiro e Ribadeo. O propio comandante xeral Méndez Núñez resultou ferido de consideración en brazos e pernas.

Entre os integrantes da dotación dos buques da flota española que bateron o cobre naquela batalla figuraba un fillo de Mondoñedo: José Vila García.

José Vila García tiña o seu domicilio no barrio de San Caetano, no edificio que albergara a antiga fábrica de cerámica da vella Rilleira de Trigas. Era fillo lexítimo de Manuel Vila Fernández e de Antonia García.

Ao longo da súa curta vida exerceu o oficio de carpinteiro. Faleceu no seu domicilio de San Caetano ás tres da madrugada do 3 de outubro de 1894, á idade de 52 anos, por mor duna grave enfermidade pulmonar. No momento do seu pasamento atopábase casado en segundas nupcias con Josefa Santomé, deixando deste matrimonio dous fillos menores: José, de doce anos, e Julio, de nove. En primeiras nupcias estivo casado con Juana Castro, coa que tivera outro fillo, Pedro, de 23 anos, quen por aquel entón se atopaba prestando o servizo militar activo en Logroño.

Pola súa banda, o contraalmirante D. Casto Méndez Núñez finou o 21 de agosto de 1869. Os seus restos mortais descansan no Panteón de Marinos Ilustres de San Fernando (Cádiz). No seu impoñente monumento funerario de mármore pódese ler a seguinte inscrición que homenaxea a súa figura:

«Modelo de grandes virtudes. Consagró su vida al servicio de la patria cuyas glorias enalteció en el mando de la escuadra del Pacífico».

O recordo de Méndez Núñez tamén tivo un vínculo directo coa toponimia urbana de Mondoñedo. No ano 1886, a corporación municipal acordou mudar a denominación de varias rúas da cidade episcopal, bautizando a antiga Rúa da Fonte co nome do ilustre mariño galego.

Máis tarde, xa nos anos noventa do século XX, sendo alcalde D. Javier Loira Rúa, revisouse de novo o rueiro municipal. Aquela rúa adicada a Méndez Núñez pasou a recibir o nome co que hoxe todos a coñecemos: a rúa Álvaro Cunqueiro.

Unha conexión coa gran historia naval do século XIX e que nos permite rescatar do esquecemento a memoria dun humilde carpinteiro e heroe mindoniense.

Coa colaboración de Andrés García Doural


Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Categorías: ,
Anuncios

Deja un comentario

Abadín Alameda Aldea Aliñación Andrés García Doural Animal Arte As Quendas Atardecer Auga Bierzo Cabalos Cantábrico Carnaval Casas Catedral Cemiterio Ceo Cidade Colaboración Color Concentración Construcción Cor Cores Cruz Cultura Cunqueiro Curiosidade Curiosidades Deporte Entroido Escultura Eólicos feira Festa flor Fonte Foz Fútbol Historia Igrexa Inverno Luces Luz Mar Montaña Montañas Monte Monumento Motos música Nadal Natureza Neboa Neve Nocturna Noite Nubes Nuria Obras Os Muiños Outono Paisaxe Panorámica Patrimonio Pazo Pedra Persoaxe Personaxe Personaxes Ponte Porto Praia Praza Procesión Recordo Relixión Ribadeo Rinlo Rochas Rural Ría Río Rúa San Lucas San Vicente Semana Santa Seminario Sol Torres Toxiza Tradicción Tradición Tronceda Val Verde Vista Vistas Árbores

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo