Cabanadevella: a «casa dos carlistas» e a orixe oculta dun enclave histórico en Romariz

O lugar de Cabanadevella, moi próximo ao barrio de Valiña de Freire na parroquia de San Xoán de Romariz (concello de Abadín), ocupa un espazo singular na memoria histórica do noso rural. Nas últimas décadas, este enclave é citado con frecuencia en publicacións e estudos por ser o escenario exacto onde unha columna da Garda Civil fixo prisioneira, a comezos de outubro de 1872, á partida carlista comandada polo ex-sarxento primeiro de Infantería D. David Cornejo Díaz, que se erguera en armas no contexto da Terceira Guerra Carlista.

Un cercado de madera desgastada en un paisaje rural con colinas verdes al fondo.

O refuxio segredo na literatura: de «A Besta» á fuxida

O escritor e xornalista Patricio Delgado Luaces, ou quen baixo o pseudónimo de “Xan de Masma” publicou na Habana a novela por entregas A Besta, narra con detalle o percorrido desta partida carlista dende a parroquia de San Xorxe do Cadramón ata a solana acoballada de Cabanadevella. Segundo relata na obra, ao verse acosados e perseguidos de preto polas forzas gobernamentais, os carlistas foron guiados cara a este illado refuxio polo seu propio capelán, D. Francisco Rodríguez Pillado, natural do barrio da Cazolga (Lourenzá), quen coñecía a zona dende facía tempo e sabía da existencia dunha edificación discreta entre os montes.

O achado nos arquivos: o legado do Maestrescuela Cienfuegos

A pesar da sona acadada polos sucesos de 1872, a orixe desta modesta edificación permanecera no máis absoluto dos misterios, sen figurar sequera no famoso Catastro do Marqués de la Ensenada. Porén, unha investigación no Arquivo Histórico Provincial de Lugo permitiu atopar o testamento de D. José María Cienfuegos y Ramírez 1, quen fora Dignidade de Maestrescuela da catedral de Mondoñedo e sobriño do bispo Cienfuegos. Nun dos capítulos do devandito documento, redactado cara a 1884, o propio Maestrescuela aclara a orixe da propiedade:

Diez y ocho cuartillos o cuatro áreas y sesenta y tres centiáreas de terreno inculto en que existe una casa, sin marca de número alguno, compuesta de cocina, con dos cuartos y formada de pared, cubierta de madera y losa, hallándose completamente deteriorada (en 1884). Testa al Este y Norte, en monte vecinal; al Oeste, en pastizal de Juan Reigosa; al Sur, en camino antiguo que va a Ferrol.
En el mismo lugar y donde llaman “Prado do Rego”, un regadío, con parte a tojal; su mensura doce ferrados y veinte cuartillos, o setenta y ocho áreas y cincuenta y seis decímetros. Testa al Este, en monte de Antonio de Nela; al Oeste, en más prado de Josefa Seco; al Sur, en pared que le separa del camino que va a Ferrol; y al Norte, en más prado de Juan Reigosa, Vicente Bouso, Antonio Sanjurjo y otros”.

O propio D. José María Cienfuegos fai constar na súa derradeira vontade que dita casa fora erixida por el mesmo tras adquirir os terreos no ano 1852.

Ruinas de una estructura de piedra cubierta de vegetación, con ramas y musgo en un entorno natural.

Arquitectura, ruína e memoria da «casa dos carlistas»

A edificación, de planta rectangular, consta de andar baixo e unha altura con tellado a duas augas. Na súa fachada frontal dispón de dous accesos diferenciados: a porta da esquerda, de maior tamaño, daba paso ao almacén de aperos de labranza, mentres que a da dereita comunicaba coas cortes do gando e a cociña, dotada dun forno tradicional para cocer o pan. Unha escaleira interior de sete banzos de pedra permitía subir á planta superior, onde existían dous cuartos coas paredes encaladas. Cabana de Vella atópase protexida dos fortes ventos por vellos carballos e loureiros. Na actualidade, a propiedade pertence á familia Bouso, residente no lugar de Espiñarcao (Romariz). O paso do tempo deixou a edificación nun estado de ruína avanzada —sen teito, portas nin pisos de madeira—, co interior invadido polas silveiras e a vexetación silvestre no medio dun extenso toxal. A pesar do abandono físico, a pegada daqueles acontecementos de 1872 permaneceu viva na tradición oral do pobo. A xente do lugar pasou a coñecer o inmoble como “a casa dos carlistas”, lembrando o episodio no que os integrantes da partida foron apresados e conducidos inicialmente ao cárcere de Mondoñedo, e trasladados despois ao castelo de San Antón na Coruña, para finalmente, ser deportados á fortaleza de La Cabaña na Habana (Cuba). Un enclave illado da nosa xeografía onde a historia, a literatura e o patrimonio esquecido se volven dar a man.

Coa Colaboración de Andrés García Doural

  1. D. José María Cienfuegos y Ramírez, presbítero e Maestrescuela da S.I.C.R. de Mondoñedo, nacera en 1795 na vila asturiana de Pravia e faleceu en 1884 na rúa Ferreiros de Mondoñedo. Fillo lexítimo de D. Álvaro Bernardo Cienfuegos e Dª Francisca Javiera Ramírez, era sobriño do bispo Cienfuegos que rexera a diocese mindoniense. Tomara posesión do seu cargo na catedral o 29 de setembro de 1824. ↩︎

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Categorías: ,
Anuncios

Deja un comentario

Abadín Alameda Aldea Aliñación Andrés García Doural animais Animal Arte As Quendas Atardecer Auga Barreiros Cabalos Cantábrico Carnaval Casas Catedral Cemiterio Ceo Cidade Colaboración Color Concentración Construcción Cor Cores Cruz Cultura Cunqueiro Curiosidade Curiosidades Deporte Entroido Escultura Eólicos feira Festa flor Fonte Foz Fútbol Historia Igrexa Luces Luz Mar Militar Montaña Montañas Monte Monumento Motos música Nadal Natureza Neboa Neve Nocturna Noite Nubes Nuria Obras Os Muiños Outono Oviedo Paisaxe Panorámica Patrimonio Pazo Pedra Persoaxe Personaxe Personaxes Ponte Porto Praia Praza Procesión Relixión Ribadeo Rinlo Rochas Rural Ría Río Rúa San Lucas Semana Santa Seminario Sol Torres Toxiza Tradicción Tradición Tronceda Val Verde Vista Vistas Árbores

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo