A memoria agarimosa dun bo cidadán e a alma de «La Alianza»

Hai persoas que, pola súa bonhomía, a súa vitalidade e a súa constante presenza na vida cotiá, se converten en parte indispensable da paisaxe humana e do corazón dun pobo. A recente partida de Pablo Redondas Losada (nado na parroquia de Santa María de Viloalle en 1935 e finado na de Santiago de Mondoñedo en 2026) deixa un fondo baleiro nas nosas rúas, pero tamén o legado dunha vida plena, entregada á familia, ao deporte, ao traballo ben feito e ao servizo da súa comunidade.

Infografía sobre Pablo Redondas Losada, destacando su trayectoria deportiva y compromiso cívico en Mondoñedo entre 1935 y 2026, incluyendo elementos históricos como el comercio 'La Alianza'.

Reflexos de infancia, deporte e natureza

Quen coñeceu a Pablo lembra ben a súa axilidade indomable e a súa paixón polas terras e augas da nosa comarca. Foi un hábil pescador de cana e un cazador senlleiro, afeccións que lle deron grandes momentos de lecer. Entre os seus fitos máis lembrados figura a captura dun enorme salmón no río Masma, unha fazaña deportiva que naquel momento colleu grande eco e chegou a ser noticia nas páxinas do xornal El Progreso. Mais a súa faceta deportiva brillou con intensidade especial baixo os tres paus. Pablo foi un gardameta destacado en diversas formacións do fútbol mindoniense, demostrando uns reflexos e un liderado que o levaron a formar parte dunha das etapas máis brillantes do C.D. Foz. Cando os compromisos laborais e familiares o aconsellaron, soubo manterse vinculado á súa paixón sobre o céspede exercendo como árbitro, un papel no que deixou a pegada da súa seriedade e bo criterio.

Foto en blanco y negro de un hombre sonriente de pie en un campo de fútbol, vistiendo un jersey y pantalones cortos, con medias blancas y un gorro.

«La Alianza»: a doce historia dun comercio emblemático

A historia vital de Pablo é tamén a historia da repostaría de Mondoñedo. Para entender o seu camiño hai que remontarse ao ano 1892, cando os orixinarios de Lugo D. Ricardo López Fernández e a súa esposa Dª Josefa Sánchez Somoza fundaron a histórica confitería “La Dulce Alianza” na Plazuela de Carruajes (fronte ao antigo cuartel de milicias e actual Casa do Concello). Co tempo, buscando o constante tránsito de veciños e visitantes, o negocio mudouse á Rúa Progreso.

Anuncio antiguo de una confitería llamada 'La Dulce Alianza', ubicada en Mondonedo, que ofrece una variedad de dulces finos y postres, incluyendo tartas, helados, y productos de repostería, junto con vinos y licores.

En 1950, tras decidir a familia López Sánchez non continuar coa actividade, D. Jesús Redondas Rey —pai de Pablo— adquiriu o inmoble e o negocio, bautizándoo dende entón como “La Alianza”. A mediados dos anos cincuenta a confitería foi obxecto dunha profunda reforma e comezou a anunciarse con sona na prensa con motivo das feiras das San Lucas, consolidando unha clientela fiel e entusiasta. Co matrimonio entre Pablo e Josefa Vallejo (“Fefa”), o negocio colleu un novo impulso. A finais dos anos sesenta, o establecemento renovouse con novas solucións estéticas: un orixinal escaparate curvo, novo mostrador, revestimentos de pedra na fachada e unha coidada iluminación que lle deron o aspecto acolledor que moitos gardamos na retina. Para xeracións de nenos mindonienses, “La Alianza” foi o escenario de momentos inesquecibles. Na súa fachada principal locía aquela mítica máquina de chicles con bolas de cores: bastaba con introducir a moeda pola ranura e baixar a panca para ver descender a lambetada. Alí mercábanse tamén os populares caramelos Sugus —máis duns adultos acudían tamén ás agochadas—, mentres que os seus produtos estrela, coma as súas famosas tartas, as cañas, os canastillos e os roscóns, gañáronse unha fama indiscutible por toda a comarca.

Paseos de acouga e compromiso co pobo

Co paso dos anos, tras a xubilación e o xurdimento dalgúns achaques de saúde de Fefa, Pablo foi retirándose progresivamente da caza e da pesca. A estampa do matrimonio paseando do brazo, amodo e con complicidade polo Cantón Grande de Mondoñedo, converteuse nunha das imaxes máis entrañables da nosa vida veciñal. Con total confianza e orgullo, Pablo cedeu o temón do negocio ao seu fillo Guillermo, quen continúa hoxe rexentando esta emblemática casa cos mesmos estándares de calidade e afecto a clientela. A cidadanía de Pablo non se limitou a súa actividade profesional: mantivo tamén unha participación activa na vida política municipal, exercendo como concelleiro do Concello de Mondoñedo e traballando dende a institución polo benestar dos seus veciños. Hoxe despedimos a Pablo Redondas Losada coa gratitude de quen tivo a sorte de compartilo como veciño, amigo e referente. O seu recordo, o seu sorriso acolledor e a elegancia das súas formas quedan para sempre impresos na memoria colectiva do noso Mondoñedo.

IN MEMORIAN PABLO REDONDAS LOSADA

Coa colaboración de Andrés García Doural


Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Categorías: ,
Anuncios

Deja una respuesta

Abadín Alameda Aldea Aliñación Andrés García Doural Animal Arte As Quendas Atardecer Auga Azul Cabalos Cabozo Cantábrico Carnaval Casas Catedral Cemiterio Ceo Cidade Colaboración Color Concentración Construcción Cor Cores Cruz Cultura Cunqueiro Curiosidade Curiosidades Deporte Entroido Escultura Eólicos feira Festa flor Fonte Foz Fútbol Historia Igrexa Luces Luz Madeira Mar Montaña Montañas Monte Monumento Motos música Nadal Natureza Neboa Neve Nocturna Noite Nubes Nuria Obras Outono Paisaxe Panorámica Patrimonio Pazo Pedra Persoaxe Personaxe Personaxes Ponte Porto Praia Praza Procesión Recordo Relixión Ribadeo Rinlo Rochas Rural Ría Río Rúa San Lucas San Vicente Semana Santa Seminario Sol Toxiza Tradicción Tradición Tronceda Vaca Val Verde Vista Vistas Árbores

Descubre más desde Un paseo en Imaxes

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo